Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Alfoz-Valadouro advirte dunha lagoa perigosa no Barral orixinada polas obras da concentración

O BNG de Alfoz – Valadouro demanda que o Concello de Alfoz xestione as accións precisas para que a lagoa originada polas obras da concentración no barrio do Barral, na parroquia de Mor, deixe de representar un perigo para os transeúntes, para o gado e nomeadamente para a veciñanza do barrio. Insta así a contactar coa empresa que realizou as obras e cos propietarios do terreo para tentar ofrecer unha solución.

Ademais, os nacionalistas demandan que o Concello de Alfoz, no caso de observar desleixamento por parte dos responsábeis directos, tome as medidas precisas para o balizamento da lagoa ou calquera outra necesaria para que isto deixe de representar un perigo.

Os nacionalistas argumentan que as obras se derivan da extracción de area para a apertura de pistas e camiños da concentración parcelaria de Alfoz, que foron deixando áreas nas que ficaron grandes ocos sen recheo algún, en ocasións furados de grande magnitude. Un dos devanditos furados acabou por converterse nun perigo despois de transformarse nunha lagoa por efectos naturais: acción de acuíferos subterráneos e acumulación de auga de chuvia.

A lagoa atópase a carón da estrada O BARRAL-A GARITA (parroquia de MOR), e está a causar grande alarma entre a veciñanza polo perigo que representa, tanto para persoas como para animais; xa que non conta con ningunha caste de sinalización nin peche que evite posíbeis accidentes. Dende o BNG indican que “se localiza a escasos metros da estrada, semioculta pola matogueira e nun terreo con grandes desniveis e anacos de rocha que camuflan a súa inmediatez, cómpre sinalar que se atopa enfronte dunha área adicada a pradarío (son os pastos coñecidos como A Sunogueira), feito que orixina certo tránsito de gado vacún e cabalar. Sen ánimo de dramatizar engadimos que o resgate dunha persoa ou dun animal, sería moi difícil nunha poza encaixada nun terreo tan abrupto a causa dos desmontes nel realizados”.

Exit mobile version