Cervo, 6 de xuño de 2013. O BNG de Cervo apoia a demanda social en Cervo para solucionar a carencia de facultativo no Centro de Saúde da localidade que leva catro días derivando pacientes ao Centro de Saúde de San Cibrao sen que o SERGAS fixese as previsións oportunas para buscar o seu relevo polas vacacións e xubilación do titular. Os nacionalistas consideran que a situación do ambulatorio é unha mostra mais da falsidade do discurso do Partido Popular que defendeu o modelo de xestión integrada de Lugo como un achegamento ao paciente cando na práctica é xustamente o contrario, afastamento e derivación de pacientes lonxe do seu lugar de residencia. Dende o BNG animan aos veciños e veciñas de Cervo a manter o pulso e a presión social para buscar unha solución ao problema e advirten ao goberno local que promete solucións que aquí non valen promesas senón feitos.
DIANTE DA POLÍTICA DE RECORTES DO PP A PRESIÓN SOCIAL NA RÚA É A MELLOR FERRAMENTA QUE LLE QUEDA Á CIDADANÍA.
O BNG de Cervo parabenizou hoxe aos veciños e veciñas de Cervo polo éxito da concentración celebrada hoxe no seu ambulatorio reclamando solucións á ausencia de facultativo dende o pasado luns, os nacionalistas animan á cidadanía a manter o pulso e a presión social como única ferramenta útil para manter o seu centro de saúde enteiro diante das políticas de recortes e austeridade do Partido Popular que levan ao desmantelamento permanente de servizos básicos.
ADVIRTEN CONTRA AS SOLUCIÓNS PROVISIONAIS CON EFECTOS SECUNDARIOS
O portavoz municipal, Xoán Antón Estúa, advertiu “contra solucións provisionais con efectos secundarios” ao barallarse ou a acumulación de tarefas doutros facultativos ou o traslado dun facultativo por exemplo dende San Cibrao co cal “estaríase vestido un santo para espir outro”. Na mesma liña cualificou de inválida esta solución xa que remataría cunha praza de facultativo en Cervo con trinta anos de historia e mais de mil cartillas que atender.
O ACHEGAMENTO Á CIDADANÍA UTILIZADO POLO PP COMO DEFENSA DO DECRETO DE XESTIÓN INTEGRADA VÓLVESE CONTRA ELES.
Os nacionalistas lembran o lema do PP para defender o Decreto de Xestión Integrada en Lugo repetindo até a saciedade aquilo de que este modelo achegaba a sanidade á cidadanía, estase vendo tódolos días, afirmaron, que “a realidade é ben distinta, cada día derívanse mais pacientes dende A Mariña a Lugo e cada día vemos como os centros sanitarios máis próximos á xente ou pechan ou perden a súa calidade asistencial”. Estúa preguntouse “de lado de quen está o goberno municipal que fai seis días negou un debate no pleno sobre a sanidade na comarca que agora lle estoupa nos fuciños”.