Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo destaca a existencia dun informe sobre o exceso na facturación das compañías eléctricas que o alcalde negaba en Pleno

Cervo, 7 de xuño de 2013. O BNG de Cervo mostrou a súa satisfacción pola existencia dun informe sobre os excesos na facturación das compañías comercializadoras de enerxía eléctrica ao Concello de Cervo cuxa existencia negaba o alcalde en pleno fai seis días. Os nacionalistas pídenlle á concelleira de Facenda de Cervo moderación no seu discurso “xa que coas súas declaracións o que fixo foi corrixir ao propio alcalde que fai seis días mentía ao Pleno da Corporación dicindo que tal informe non existía”. O portavoz municipal Xoán Anton Estúa aclaroulle á edil de facenda que a preocupación do BNG non está en saber si as eléctricas cobran senón en saber si o seu departamento fai os seus deberes e non lles paga por riba do consumo real.

AO BNG NON LLE PREOCUPA SE AS ELÉCTRICAS COBRAN SENÓN SE O FAN EN EXCESO
O BNG de Cervo saíu ao paso das declaracións da edil de facenda de Cervo aclarando que ao BNG non lle preocupa se as empresas eléctricas cobran puntualmente, “teñen maneira de defenderse como xa o fixeron noutras ocasións e isto supúxolle ao concello pago de intereses que o BNG xa denunciou no seu día, o que lle preocupa ao BNG é saber si o departamento dirixido por esta Sra. fai os seus deberes e non lles paga en exceso polos servizos prestados”

QUE VERSIÓN DEBEMOS CRER A DO ALCALDE OU A DA CONCELLEIRA DE FACENDA QUE O DESAUTORIZA?
Os nacionalistas pídenlle á concelleira de facenda que modere o seu discurso sobre todo cando desautoriza ao propio alcalde que negou a existencia dun informe sobre irregularidades na facturación por consumos eléctricos do concello que agora ela confirma que si existe. Estúa preguntouse “cal é a versión que debemos crer a do alcalde que nega en Pleno a existencia do informe?, ou a da concelleira que o desautoriza dicindo que si existe nos medios de comunicación?

O Portavoz nacionalista lembrou que leva catro meses agardando por unha información que se negou no pleno do pasado día trinta e agora espera, unha vez confirmada a súa existencia, que nos cinco días que fixa a lexislación lle sexa entregada para aclarar si houbo facturación en exceso das eléctricas e en que contía.

Exit mobile version