Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo pregunta ao alcalde sobre “os excesos” de facturación ao Concello das empresas eléctricas

Cervo. 4 de xuño de 2013. O BNG de Cervo sospeita que o goberno municipal non xestionou con eficacia e rigor a facturación que as empresas eléctricas emiten por servizos ao concello e existiron excesos na facturación que supuxeron importantes cantidades económicas das que o alcalde non quere dar datos. Neste sentido dende o BNG acusaron ao alcalde cervense de “ocultar información ao pleno da corporación xa que deu tempo de sobra para preparar unha resposta a preguntas moito concretas sobre este asunto presentadas nun pleno de fai tres meses”.

O GOBERNO MUNICIPAL OCULTA INFORMACIÓN AO PLENO E MINTE NAS DECLARACIÓNS PÚBLICAS.

O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, fixo mención ás preguntas presentadas no pleno celebrado o 8 de febreiro no que solicitaba información 1º) sobre si existiu exceso de facturación por parte de empresas comercializadoras de enerxía eléctrica ao Concello de Cervo, e si existiu cal foi a cantidade? Para o nacionalista “Villares ademais de ocultar información ao pleno, minte nas súas declaracións públicas xa que nin ofreceu ningún dato, nin os ten xa que segundo afirmou, o goberno municipal de Cervo non fixo informes sobre os excesos de facturación”.

Estúa insistiu en que o que lle preocupa ao BNG é a falta de rigor na xestión económica do concello e si existiron pagos en exceso ás empresas de subministro eléctrico contratadas polo concello, isto é o que se lle preguntou a Villares fai tres meses e aínda está por contestar.

SOSPEITAS SOBRE PAGOS EN EXCESO POR FACTURACIÓN ELÉCTRICA

Os nacionalistas sospeitan que existiron pagos en exceso que Villares quere ocultar, neste sentido lembraron que o alcalde, na súa condición de Vicepresidente Executivo da FGAMP, denunciou o 5 de febreiro de 2005 irregularidades na facturación por consumo eléctrico nos 315 concellos galegos pero cando se lle pregunta polo caso particular de Cervo non sabe, non contesta, non hai informes. Para Estúa Villares está ocultando a falta de control na xestión das facturas das comercializadoras eléctricas e por tanto pagos en exceso que non quere recoñecer.

Exit mobile version