Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia a obstrucción de varias pistas forestais de Alfoz con refugallos voluminosos

grandadouro1A masa forestal coñecida como A GRANDADOURO (a cal se estende polas parroquias de BACOI e MOR), apareceu durante a fin de semana do 7 ó 9 de xuño con refugallos voluminosos obstruíndo varias pistas forestais.

Trátase, entre outros obxectos, de mobles (sofás, butacóns…) e cubertas de rodas de maquinaria pesada. É frecuente –como xa denunciou o BNG noutras ocasións- a aparición de toda clase de lixo e refugallos neste espazo dedicado á explotación forestal, situado entre as estradas Ferreira-Sto. Acisco e A Seara-Ferreira, mais o acontecido durante esta fin de semana, amais de supoñer un acto incívico ten unha clara intencionalidade, bloquear as vías de comunicación da Grandadouro.

O BNG de Alfoz – Valadouro diríxise ó Concello de Alfoz para que á maior brevidade organice a retirada dos obstáculos que impiden o paso en varias pistas forestais da Grandadouro, e como xa expresamos en ocasións anteriores, que xestione ou promova a limpeza periódica desta e outras áreas dedicadas á explotación forestal. Do mesmo xeito, pedimos que o Concello de Alfoz fomente a concienciación precisa para que os montes non se convertan en vertedoiros de lixo. Dende o BNG lembran que os espazos forestais cando son utilizados como depósito de refugallos, sen obviar o dano ecolóxico e outros impactos, supoñen un altísimo risco de incendio.

Exit mobile version