Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pedirá no Parlamento que a Xunta abra unha investigación interna sobre a Operación Bebé

A Mariña, 21 de xuño de 2013. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentará no Parlamento galego unha iniciativa na que instará á Xunta a aclarar as informacións aparecidas nalgúns medios de comunicación dos últimos días e nas que se fai referencia á desaparición de bebés en centros hospitalarios da provincia de Lugo. A coñecida como Operación Bebé ou Operación Chupete ou tamén Operación Cuna, que está a ser investigada polo Xulgado de Instrución número 2 de Lugo, podería afectar a máis dunha docena de adopcións irregulares que se poderían ter realizado nos últimos dez anos na provincia.

Ana Ermida, responsábel da formación nacionalista na Mariña, asegura que “ante este tráxico escándalo que está a provocar alarma social, especialmente na comarca da Mariña onde se podería haber dado un dos casos, en concreto no Hospital da Costa, en Burela, en febreiro de 2011 e cuxa nai a día de hoxe trata de recuperar á súa filla sobre a que un xulgado de Pontevedra xestiona a súa adopción, o Goberno galego debe saír de xeito inmediato a dar explicacións sobre o acontecido e informar se os xulgados de Lugo lle informaron sobre este asunto.”

“É preciso -continuou Ermida- que tanto desde o Servizo Galego de Saúde, dependente da Consellería de Sanidade, como desde a Consellería de Traballo e Benestar encargada das adopcións, se pronuncien e aclaren se é certo ou non que desde o Servizo de Menores da Xunta de Galiza en Lugo se retiraron nenas en nenas para dar en adopción basándose en informes que non existían ou cun contido subxectivo elaborado polos propios interesados ou mesmo encargados a unha orde de monxas das Hermanas Terciarias Franciscanas do Rebaño de María que rexenta na cidade de Lugo o Hogar Madre Encarnación, e baixo ameaza ás nais e sen contar cos pais.”

Desde o Bloque Nacionalista Galego urxen ás conselleiras de Sandiade, Rocío Mosquera, e Traballo e Benestar, Beatriz Mato, así como ao propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a abrir unha investigación interna para aclara esta presunta trama de adopcións irregulares ao marxe da que xa se está facendo por vía xudicial.

“Estamos ante un caso dramático no que xa en 2010 a xuíza, nas dilixencias previas, referíase a ‘graves irregularidades’ que ‘poderían chegar a ser consideradas como “presuntos delitos de falsidade documental e incluso prevaricación por parte de funcionarios públicos” – puntualizou a responsábel do BNG na Mariña quen aclarou que “a maioría das as nais afectadas non teñen estudos, nin familia nin recursos e eran inmigrantes recén chegadas e desorientadas que descoñecían que tiñan dereito a defenderse de xeito gratuíto.”

Exit mobile version