A Mariña, 26 de xuño de 2013. O concelleiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Barreiros, Antonio Veiga, urxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a asumir responsabilidades políticas tras coñecerse a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) pola que se anula o plan sectorial de infraestruturas do concello de Barreiros.”
Desde a formación nacionalista insístese en que “o presidente galego ten que asumir responsabilidades políticas, ademais das responsabilidades penais que se poidan derivar, xa que a través dun acordo do Consello da Xunta de Galiza do 26 de maio de 2011, pretendía legalizar, con diñeiro público, un auténtico pelotazo urbanístico. E a gravidade do asunto non remata nese punto, senón que a propia sentenza recoñece a existencia de desvío de poder por parte do Consello da Xunta do cal é responsábel o propio Feijóo.”
Veiga lembrou que “o Bloque Nacionalista Galego de Barreiros sempre puxo en cuestión este convenio e a aprobación do plan sectorial, xa que se trataba de darlle carta de natureza a un pelotazo urbanístico ademais de asumir con recursos públicos os gastos de urbanización que terían que ser asumidos polos promotores.”
Pola súa banda e sobre este asunto, Ana Ermida, responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego na comarca da Mariña, lembra a foto que unha delegación de cargos públicos e orgánicos do Partido Popular encabezada por Xosé Manuel Barreiro, actual senador e presidente dos populares lucenses, se fixo diante do Concello de Barreiros como mostra de apoio ao alcalde da vila, Alfonso Fuente Parga, cando o anterior Goberno da Xunta paralizou ditas vivendas por estar feitas a pesar de contar con informes negativos, non dispor de servizos básicos e amosar até dificultades de aceso.
“O que naquel intre para o actual vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, era persecución política cara os alcaldes do PP, para os tribunais é ilegal. Espero que se repita dita foto pero reprobando a neglixente xestión do alcalde popular” – conclúe Ermida.
Tanto Antonio Veiga como Ana Ermida coinciden en sinalar que esta é unha mostra da política urbanística que defende o Partido Popular; “unha política urbanística caracterizada por licenzas irregulares.”