Site icon Crónica3.com A Mariña

O CETAL avanza no Plan de actuación 2013

reunión cetal 1Lugo, 26 de xuño de 2013. O director xeral de Industria Agroalimentaria do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (MAGRAMA), Fernando Burgaz, presidiu esta mañá a reunión do Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo –CETAL-, acompañado polo director xeral da citada fundación, Javier López Viana. Na mesma presentouse e analizouse o estado de execución do Plan de actuación 2013, fixado no Padroado do 27 de xuño do ano pasado. Dende esa data desenvolvéronse varias actuacións nas catro liñas prioritarias do Plan: sector lácteo, control da calidade do aceite de oliva, seguridade alimentaria e mellora xenética.

No ámbito do sector lácteo, subscribiuse un convenio coa Interprofesional Láctea (INLAC) para a realización dun estudio de viabilidade da implantación dun sistema integral de autocontrol, cun calendario de execución previsto de xullo a novembro. Así mesmo, o CETAL está revisando co MAGRAMA o modelo de informe mensual provisional que elaborou en calidade de organismo encargado do Observatorio Nacional de Prezos no sector lácteo. Tamén a Fundación deseñou e lanzou a marca “Productos Lácteos Sostenibles”.

Productos Lácteos Sostenibles
Hai que recordar que o pasado 12 de febreiro deste ano, 14 industrias lácteas, 9 empresas da distribución e o MAGRAMA asinaron o Convenio de colaboración para a implantación e desenvolvemento dun programa de produtos lácteos sostibles. O obxectivo é cooperar e colaborar a favor do sector lácteo para lograr un funcionamento eficiente e sostible das cadeas de valor do leite e os produtos lácteos, mellorando a percepción do consumidor dos produtos lácteos como produtos de alto valor nutritivo e de calidade, mediante os instrumentos promocionais adecuados, e garantindo a sustentabilidade a longo prazo do sector.

Coa posta en marcha deste programa, o Ministerio busca garantir a sustentabilidade do sector e retribuír, de maneira proporcionada, o valor que engaden todos e cada un dos compoñentes da cadea de subministro de leite e produtos lácteos, seguindo os principios do comercio responsable.

Control de calidade do aceite de oliva
Respecto á segunda liña de actuación do CETAL, asinouse un convenio co MAGRAMA para comezar o estudo e a caracterización da calidade do aceite de oliva virxe, e estase realizando coa Universidade Politécnica de Madrid, e coa colaboración do centro de investigación IRSTEA – ITAP de Montpellier (Francia), o estudo de tecnoloxías instrumentais non destrutivas aplicadas á determinación da calidade do aceite de oliva virxe.

Seguridade alimentaria
O avance do Plan 2013 en materia de seguridade alimentaria concretouse a través do inicio dos trámites para a instalación do Laboratorio de Seguridade Alimentaria para o diagnóstico dos principais patóxenos bacterianos de transmisión alimentaria (LSA-CETAL). Actualmente estase estudando a aprobación da proposta de monitoreo microbiolóxico na produción primaria de alimentos vexetais en España (tomates, pepinos e leitugas).

Por último, o CETAL mantivo reunións coa Dirección General de Producciones y Mercados Agrarios e coa Secretaría General de Medios de Producción Ganaderos para pechar o cronograma de 2014 de actuacións en mellora xenética, a implantar en colaboración co MAGRAMA.

Exit mobile version