Site icon Crónica3.com A Mariña

O Colectivo Ollomao achega á Sala Bahia a obra teatral de Castelao nun espectáculo dirixido por Ramón Casas e Comba Campoy

A Sala Bahía de Foz acollerá o venres 28 de Xuño ás 20:30 a representación da obra de teatro “Os vellos non deben namorarse”, obra da autoría de Daniel Castelao, que será representada pola compañía de teatro do Colectivo Cultural de Ollomao de San Miguel de Reinante que recentemente veu representando a obra en diversos puntos de Galiza e tamén da mariña como San Miguel, Ribadeo, Mondoñedo ou Cangas. A obra que o vindeiro venres se vai representar en Foz, baixo a dirección Ramón Casas e Comba Campoi, foi escrita e estreada polo propio Castelao e vaise representar en Foz coincidindo co 28 aniversario da volta a Galiza dos restos do de Rianxo e co 77 aniversario do plebiscito do estatuto do 36, fito que tivo no autor da obra e en Bóveda ao seu principal valedor.

“Os vellos non deben namorarse” é un dos grandes clásicos do noso teatro, tendo mesmamente un carácter fundacional dunha nova etapa da nosa dramaturxia até o punto de ser unha das pezas máis populares do teatro galego. A obra foi escrita “para regalía do pobo galego” por Castelao , na cidade de Nova York como remedio para “matar as horas de morriña “. En verbas do autor esta obra foi froito da combinación de dúas sensibilidades: a literaria e, tamén, a imaxinación plástica do pintor. Estreouse en Bos Aires o 14 de agosto de1941 , no teatro Mayo, con grande éxito, e o 8 de outubro no teatro Solís, de Montevideo , e, dende aquela, non deixou de representarse. Castelao non puido asistir á estrea en Montevideo e mandou unha gravación, en castelán, que constitúe o único documento sonoro coa voz de Castelao

Castelao escribiu primeiramente o terceiro lance contando, coma nos outros dous, a historia dun vello que se namora dunha moza. Os personaxes son personaxes tipo, equivalentes, inda que de diferente extracción social, que compoñen historias pechadas e xustapostas. Ó final da obra, un epílogo reúne os tres vellos mortos no cemiterio, para que eles nos conten o propósito da farsa.A obra, escrita coa convición de que o redundante -recurso que na literatura galega se presenta frecuentemente e que ten raíz popular- ten sumo valor expresivo, foi dirixida na súa primeira representación Varela Buxán , director da compañía de teatro Maruja Villanueva, coa colaboración directa do propio Castelao, quen ademais deseñou toda a escenografía . O carácter repetitivo de Os vellos non deben de namorarse baséase no feito de ser unha triloxía, composta por tres versións (lances), encadradas entre un prólogo e un epílogo, dun mesmo esquema dramático.

A obra “Os vellos non deben namorarse”, representada polo Colectivo Cultural Ollomao, chega a Foz da man da Asociación Cultural A Pomba do Arco que pretende achegar por primeira vez ao público focego esta obra, co engadido de que a súa representación realizase por un grupo de teatro amador do veciño Concello de Barreiros. O Grupo de Teatro de Ollomao conta na representación da obra co apoio de outros colectivos mariñaos como “Arco da Vella” e “Tumba e Dalle” que se encargan da parte musical, parte musical que recolle entre outras a peza “Lela”. Non hai dúbida, como coincide a totalidade da crítica, que estamos diante dunha obra total, total polo que ten a ver coa montaxe musical, pola súa escenografía e decorados e tamén pola aposta dramatúrxica.

A Asociación Cultural A Pomba do Arco convida a todos os focegos e focegas a acudir a esta representación teatral que ten un prezo da entrada de 2 euros.

Exit mobile version