O alcalde, José Mª González Barcia, subliñou que “o evento está organizado pola Fundación Imdecume nós temos un convenio de colaboración asinado con esta fundación que está radicada aquí en Burela. Nós como institución, tendo en conta que Rodrigo Maseda era un veciño deste concello, temos a obriga de resaltar sempre que poidamos os valores que este rapaz e os seus compañeiros, falecidos no Orzán, representan”. O rexedor indicou que “eses valores son: sacrificio, esforzo individual, traballo colectivo, colaboración, cooperación, tolerancia… son valores que nós como institución e a Fundación Imdecum, como difusora, temos que difundir sempre e cando teñamos oportunidade. Eses conceptos temos que facerllos chegar á xente moza para resaltar uns valores que hoxe en día están en crise. É bo que a xente nova se identifique co que representa Rodrigo Maseda e para iso nada mellor que facelo a través da actividade deportiva na que se conxugan tamén eses valores de esforzo, de traballo en equipo, de colaboración, etc”.
González Barcia dixo que “desde o Concello sempre que sexa preciso participaremos e colaboraremos na difusión destes valores a través da actividade deportiva, tal e como imos facer con este II Memorial Rodrigo Maseda”.
O alcalde burelés engadiu que “é mais que evidente que a primeira fin de semana do mes de xullo se empeza a configurar en Burela coma unha data atractiva, desde un punto de vista deportivo coa celebración deste memorial de fútbol sala base e desde o punto de vista cultural e festivo coa celebración da II Festa Castrexa o 6 de xullo. Dáse a circunstancia de que nesta festa tamén se resaltan os valores que representa Rodrigo Maseda, a través dos xogos os participantes teñan que esforzarse e traballar en equipo para chegar ao premio. En definitiva, estamos algunha maneira facendo deporte, cultura e festa e resaltando uns valores universais, que representan a Rodrigo Maseda, e que nós queremos trasladar á sociedade en xeral e á xuventude en particular”.
No acto de presentación do II Memorial Rodrigo Maseda de Fútbol Sala Base participaron tamén os seus pais, o presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna, e a concelleira de Deportes de Burela, Beatriz Piñeiro, entre outros.