Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela pediralle a Gómez Besteiro que o torques quede no Museo Provincial

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 17 de xuño de 2013. Hoxe pola mañá celebrouse no Concello de Burela unha reunión do alcalde cos tres portavoces dos grupos políticos para consensuar unha proposta dirixida ó presidente da Deputación Provincial de Lugo co obxectivo de garantir que o torques de Burela, que forma parte da colección da familia de Alvaro Gil Varela, se quede no Museo Provincial.

A proposta formulada polo alcalde, José María González Barcia, recolle basicamente o seguinte:
“Ante a situación xerada pola recente sentencia do Tribunal Supremo en relación coa devolución da colección cedida no seu día por Alvaro Gil Varela ó Museo Provincial de Lugo á familia do indicado mecenas, colección na que se atopa incluído o torques de Burela, emblema que nos distingue como concello e como pobo, que forma parte do noso escudo de forma sobranceira, que tamén é emblema do propio Museo e mesmo da provincia, a Corporación Municipal do Concello de Burela quere mostrar a súa preocupación ante o que pode chegar a ser unha perda irreparable do patrimonio cultural da nosa provincia, tendo en conta o valor cultural e artístico das pezas que forman parte da indicada colección, especialmente a colección de ourivería da que, como queda indicado, forma parte o torques. Por iso, solicitamos do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, como presidente da institución que representa a todos os concellos da provincia, que realice todas as xestións tendentes a garantir a presenza do torques de Burela e da indicada colección nas dependencias do Museo Provincial de Lugo, para que todos os veciños e veciñas desta provincia, nomeadamente os de Burela, poidamos admirar o noso torques. Así mesmo, mostrámoslle o noso apoio para que esta situación, que consideramos preocupante, se resolva canto antes, do xeito anteriormente expresado.”

O portavoz do equipo de goberno, Manuel Fernández Valle, manifestou que “o noso grupo, como non podía ser de outro xeito, apoia a proposta do alcalde por varios motivos, pero fundamentalmente porque estamos moi preocupados porque o torques poida irse da provincia, e iso non podemos permitir que ocorra; e porque a proposta que se formula desde a Alcaldía pretende sacar esta cuestión do debate político”.

Fernández Valle quixo mostrar tamén a satisfacción do Grupo Popular polo apoio dos grupos da oposición á proposta do alcalde: “deste xeito, a proposta irá asinada polo alcalde e os tres portavoces no nome da Corporación Municipal do noso Concello”. Finalmente, o portavoz do equipo de goberno manifestou que “todos somos conscientes de que a situación é moi grave, e que en calquera momento se pode pedir a execución da sentencia por parte da familia; ese é motivo polo que lle pedimos unha certa celeridade ó presidente da Deputación de Lugo, que é quen ten que liderar este proceso”.

Exit mobile version