O rexedor municipal explicou que os traballos levaranse a cabo “nas primeiras semanas de xullo, porque antes non puido ser pola indispoñibilidade da empresa contratista concesionaria desta obra. Trátase de regularizar o tráfico na zona de Rego de Foz, onde actualmente hai rúas en dobre sentido e con aparcamentos aos dous lados, vías que teñen moita circulación de vehículos, polo que se producen colapsos enormes. Esta situación non facilita a actividade hostaleira na zona, que é bastante importante”.
Polo tanto a intención do Concello é “facer o tráfico moito máis sinxelo e fluído, ademais de ampliar a zona peonil coa instalación de bolardos”, comentou Javier Castiñeira, quen considera que “vai quedar moi ben e vai activar a hostalería desa zona, que está moi próxima á praia da Rapadoira e é moi activa en verán pero tamén en inverno porque hai máis de 40 locais de hostalería e algún hotel”.
O alcalde está convencido de que vai ser “unha boa actuación” e pídelles aos veciños da zona comprensión e colaboración porque “haberá tres días nos que se van facer algunhas obriñas: vanse colocar case un cento de bolardos, instalaranse as sinais de reorganización do tráfico e farase o pintado da sinalización horizontal”.
Castiñeira rematou comentando que “queremos telo feito para antes das festas do Carme e creo que o cambio vai ser considerable”.