Emma Álvarez explicou que na xuntanza celebrada este mediodía abordaron “un tema que ten preocupado ao equipo de goberno nestes últimos días, que é o estado dunha ponte na parroquia de San Adriano, moi preto da intersección que une a estrada da Deputación co xa famoso Camiño A. Esta ponte foi feita na época da concentración parcelaria e corre risco de derrubamento aos dous lados da estrada, posto que se está producindo xa un badén”.
A alcaldesa anunciou que “como non cabía doutro xeito por parte da conselleira de Medio Rural manifestou o seu apoio ao Concello de Lourenzá para que esta ponte sexa reparada e que non haxa que lamentar ningunha desgraza. E tamén para que non haxa que esperar a que caia antes de proceder ao seu arranxo”.
E sobre a cooperativa para a comercialización de Faba de Lourenzá, a rexedora municipal comentou despois da reunión que “xa están a traballar as consellerías de Medio Rural e de Traballo na labor de campo para poder formar unha cooperativa comercializadora de faba que sería de interese non só para Lourenzá senón tamén para toda A Mariña”.
Emma Álvarez fíxolles chegar aos responsables da Consellería de Medio Rural “correos electrónicos recibidos a través da páxina web do Concello nos que se poñían en contacto con nós xente interesada en participar nesta cooperativa, con capital ou incluso con apoio altruísta para formar a cooperativa. É algo que foi moi comentado na rúa estes últimos días e que tanto produtores como o resto de veciños que coñecen a problemática que hai en Lourenzá para comercializar a faba ven moi positivo”.