‘Estar’ reflicte a necesidade que ten o mundo artístico dunha situación de maior comodidade, facilitando o estar diante dunha obra de arte, facendo menos áridos os lugares de exposición, mentres se dilúe a fronteira entre o doméstico e a alta cultura. En definitiva, trata de transmitir a idea de domesticar o museo, domesticar a arte contemporánea ou moderna facendo da sala de exposicións un lugar un pouco máis parecido a aquilo que nalgún tempo nas casas se chamaba a “sala de estar”.
Esa pretensión de habitabilidade do museo conséguese a través da revisión da obra anterior do artista e algunhas cousas feitas para esta exposición, hai plantas de interior, palmeiras, lugares onde sentar e ler, ou onde repousar e tomar un café, ou onde sentar para ver o proceso de elaboración de debuxos e obxectos, de maneira que resulta posíbel e agradábel permanecer máis tempo, podendo chegar a ver como avanza un proceso de pensamento, facilitando así que aqueles que visitan a exposición e fan uso destas posibilidades se integren como unha obra máis.
Durante a súa intervención, Mario Outeiro fixo referencia “ao grande interese de Otero-Yglesias en atopar vías de comunicación entre o museo e o seu exterior a través da análise dos espazos e características que o rodean ou mediante a confrontación destes con materiais extraídos de contornos degradados externos ao museo, ou utilizando, baixo premisas museísticas, obxectos da vida cotiá como ocorre nesta mostra”.
Coa utilización de elementos cotiáns ou banais, o artista lucense pretende transmitir contidos relativos ao concepto de tempo, de espazo, do oculto, da identidade, pero, ao mesmo tempo, cando se incorporan ao museo, son utilizados para poñer baixo crítica a propia institución ou o espazo no que se sitúan, sen deixar de servir para o que é a súa utilidade habitual.
“Desde a área de Cultura da Deputación de Lugo e a través da Rede Museística Provincial, buscamos facer dos museos espazos vivos e accesíbeis ofrecendo aos espectadores un lugar onde se poidan ver involucrados coa arte, formándose un canal de comunicación activa entre espectador e museo, algo do que é boa mostra esta exposición”, concluíu o delegado.