Site icon Crónica3.com A Mariña

O operativo da Xunta para atender aos afectados de preferentes e subordinadas asesorou xa a máis de 3.200 persoas

Santiago, 19 de xuño de 2013.- O novo operativo especial activado polo Instituto Galego de Consumo este luns para reforzar a atención aos afectados por unha mala comercialización de preferentes e subordinadas atendeu xa a máis de 3.200 persoas nos dous primeiros días desde a súa posta en marcha.

As oficinas do IGC nas sete principais cidades galegas contan con 40 persoas que se centran de maneira exclusiva na axilización dos trámites da arbitraxe, na achega de información sobre as posibilidades da vía xudicial, así como na resolución de dúbidas sobre os procesos de canxe e liquidez, compatibles coa arbitraxe e a vía xudicial.

Na oficina de Pontevedra asesorouse a un total de 600 persoas durante as xornadas do luns e o martes, mentres que na de Vigo foron 450. Do mesmo xeito, 414 persoas foron atendidas no IGC na Coruña e 365 en Santiago, mentres que en Ferrol se asesorou a 266. Na sede do IGC en Ourense ofreceuse asesoramento a 685 afectados e na de Lugo a 475.

O operativo facilita información, en horario de mañá e tarde –de 9 a 14 horas e de 16 a 19 horas-, sobre as posibilidades da vía xudicial, que permitirá atender as reclamacións dos que foron vítimas dunha mala comercialización e non se están a beneficiar da arbitraxe. Para iso refórzase a atención aos afectados informándoselles sobre o o procedemento xudicial a seguir e as opcións de xustiza gratuíta nos supostos que contempla a lei.

Ademais, estase a facilitar información sobre os Servizos de Orientación Gratuíta dos sete colexios de avogados de Galicia coa fin de que os afectados poidan complementar toda a información recibida.

A Xunta continúa co seu apoio aos afectados que sufriron unha mala comercialización e a defender a vía da arbitraxe como a mellor forma posible para que o 100% dos aforradores vítimas dunha mala comercialización recuperen o 100% dos seus aforros. O Goberno galego ten posto todos os medios para activar a arbitraxe, unha vía a través da cal conseguiuse que 2 de cada 3 afectados que acudiron á mesma recuperasen ou estean a piques de recuperar a totalidade dos seus aforros.

Exit mobile version