Site icon Crónica3.com A Mariña

O Outlet do libro galego no Museo de Lugo está a ser un éxito

Lugo, 14 de xuño de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, valorou esta mañá na rolda de prensa trala Xunta de Goberno o éxito que está a ter o Outlet do Libro Galego que se desenvolve no Museo de Lugo e que rematará o domingo. Grazas a esta oportunidade, os lucenses adquiriron até o de agora arredor de 3.000 libros galegos.

Antonio Veiga afirmou que “desde a vicepresidencia primeira da Deputación ofrecemos o noso apoio ao libro galego porque é parte fundamental das nosas industrias culturais, xa que se trata dun sector que emprega directamente a arredor de 300 persoas e supera o milleiro de postos de traballo contando as industrias auxiliares (maquetación, tradución, etc). Non obstante, a Xunta de Galiza está a executar unha política cultural prexudicial para o sector do libro. Por exemplo, para o mercado do libro de texto, a implantación do decreto de Plurilingüismo supuxo un durísimo golpe, reducindo a presenza dos materiais en galego na Educación Infantil e eliminándoos de vez das áreas de Matemáticas e Física e Química. Como tamén agudizaron as doenzas do sector os recortes brutais da Xunta de Galiza nas políticas de lectura, fose pola diminución ao longo da pasada lexislatura do 60% das compras de novidades en galego destinadas a bibliotecas públicas (en 2013 apenas medio millón de euros), como do 75% para as axudas á edición de materiais didácticos dirixidos ao sistema educativo non universitario (un cuarto de millón de euros este ano)”.

Veiga lembrou que “nun ano no que se cumpre o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía, se cadra o fito editorial máis importante da historia do libro galego, trouxemos a Lugo esta oportunidade de facerse con libros galegos a prezos módicos. Por iso, convidamos á xente que aínda non se achegase ao Museo de Lugo ao Outlet do Libro galego a aproveitar esta ocasión xa que rematará este domingo”.

XXX Copa Deputación de Fútbol
Por outra banda, Antonio Veiga lembrou que este domingo dispútanse en Chantada as finais da XXX Copa Deputación de Lugo de Fútbol. O campo do Sangoñedo acollerá ás 17:30 horas a final feminina entre o Peluquería Mixta Friol e a SD. Milagrosa e ás 19:30 terá lugar a final das categorías 1ª e Preferente Autonómica, nunha final inédita entre o Ribadeo CF e o Taboada. A área de Deportes da Deputación mantén o mesmo orzamento que na pasada edición para organizar esta competición. Dos clubs deportivos participantes no trofeo, o campión e subcampión da categoría 1ª Autonómica e Preferente Autonómica, serán premiados con 5.000 e 4.000 euros, respectivamente. Ademais, cada equipo recibirá 450 euros por partido xogado. En 2ª e 3ª Autonómica, os premios alcanzarán os 4.000 e os 3.000 euros, e os clubs percibirán 385 euros por partido disputado. Na Copa feminina, os equipos campión e subcampión, recibirán 5.000 e 4.000 euros, respectivamente, así como 450 euros por partido xogado.

Exit mobile version