Santiago, 20 de xuño de 2013.- O pleno do Parlamento de Galicia debaterá a vindeira semana, a proposta do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se amosa o enérxico rexeitamento da Cámara galega á fórmula empregada polos concelleiros socialistas, de UDIVAL, e do BNG na moción de censura presentada no concello lucense de O Valadouro. O lexislativo galego debaterá a reprobación dos termos do acordo económico acadado e asinado ante notario que condiciona a gobernabilidade presente e futura deste concello e obriga a indemnizarse mutuamente con 100.000 euros se os edis socialistas ou os concelleiros de UDIVAL rompen ou incumpren o pacto de Goberno.
MOCIÓN DE CENSURA QUE DEGRADA A POLÍTICA
Sen entrar demasiado no grao de desconfianza que isto revela á hora de asinar unha moción de censura e as previsións de lealdade mutua que orixina a subscrición por adiantado desta cláusula, condicionar a gobernabilidade dun concello de 2.000 habitantes a un pago de 100.000 euros en caso de incumprimento do acordo é unha forma de estar en política que a degrada e non debería contar co respaldo das respectivas directivas autonómicas, neste caso do Partido Socialista e indirectamente tamén do BNG”-defenden desde o Grupo Popular.
Por este motivo, a través da proposición non de lei “solicitaremos que o Parlamento acorde amosar o seu enérxico rexeitamento a este tipo de fórmulas no ámbito local galego”.
O PAPEL DE BESTEIRO
Os populares tamén lembran e censuran que detrás desta manobra que busca poñer prezo político á alcaldía100.000 euros está o secretario xeral do PSOE en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, a quen acusan de iniciar a súa carreira sucesoria no seo do PSdeG condicionando a política a artimañas de tipo económico contra a vontade da maioría.
Insisten no Grupo Popular en asegurar que Besteiro lle puxo prezo aos seus principios cunha cantidade que para eles parece ser suficiente para traizoar a confianza dos electores.