Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP acusa á presidenta de Udival de faltar ao respecto aos comerciantes do Valadouro

O Valadouro, 25 de xuño de 2013.- O Partido Popular do Valadouro considera que as declaracións da presidenta de UDIVAL, Oravia Díaz, nas que aseguraba literalmente que neste concello “non hai nin onde mercar unhas zapatillas” son unha falta de consideración e respecto aos comerciantes locais.

Os populares din que esas afirmacións dan mostra do enorme distancia que separa aos integrantes deste partido local –hoxe no Goberno- do conxunto dos veciños e do desprezo que manifestan por un concello no que moitos profesionais están a facer día a día un importante esforzo para promover e vitalizar o comercio local que pisotea a presidenta de Udival coas súas verbas.

“En Udival non terían que estar facendo burla dos nosos comerciantes senón explicando que medidas teñen previsto tomar desde o bipartito municipal no seu apoio” –dixeron desde o PP- “Pero pouco ou nada poden explicar os que tan so gobernan en base a un pacto de intereses económico, sen proxecto, e sen programa”.

Segundo os populares José Fernández, actual tenente de alcalde, tería que desautorizar as declaracións efectuadas pola presidenta de Udival e amosar as súas desculpas, como integrante do equipo de goberno municipal e como partido, ao conxunto dos comerciantes do concello. Empraza tamén a PSOE e BNG a que expliquen se están de acordo con estas polémicas afirmacións de Oravia Díaz.

TRANSPARENCIA
Estas non son as únicas críticas efectuadas entorno as polémicas declaracións da presidenta de Udival xa que tamén censura a súa defensa do pacto polo que se pon prezo á alcaldía do Valadouro. Lamenta a obsesión por manter oculto a integridade deste documento notarial, e sinala que “por responsabilidade cos veciños, por responsabilidade cos principios democráticos e por deber de transparencia debería facelo público a iniciativa propia”.

Os populares tamén amosaron a súa sorpresa polas palabras de Oravia nas que aseguraba que constituíron Udival nun notario de Ferrol “porque tiñan medo de que en Lugo nolo tiraran por defecto de forma” cando precisamente estaban en conversas co Partido Popular lucense para conformar un acordo de goberno. “Sempre foron desleais, pero agora amosan ademais que sempre actuaron con mala fe e movidos por artimañas, ou na procura de facelo todo ás agachadas, algo moi propio dun partido como este de índole case familiar”.

Exit mobile version