Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo valora a posibilidade de crear unha comisión de voluntarios en colaboración co Concello para adecentar o entorno do Castro de Zoñán

Mondoñedo, 26 de xuño de 2013.- O Partido Popular de Mondoñedo está a estudar a posibilidade de crear unha comisión de voluntarios, coa colaboración do Concello, para adecentar o entorno do Castro de Zoñán. Esta iniciativa implicaría a participación e axuda do arqueólogo municipal, dado a transcendencia patrimonial do Castro.

Tras ser un dos asentamentos máis estudados da comarca, cuxa posta en valor se iniciou froito dos proxectos da Xunta dentro do Leader + Terras de Miranda (2000 -2006), – compre recordar que estes dous proxectos xunto a outros realizados na comarca, como foi o da revalorización do patrimonio cultural de Riotorto, ascendían a 730.556 euros-; O Partido Popular de Mondoñedo censura que o Castro de Zoñán se vexa cuberto de herba a día de hoxe, presentando un lamentable estado de mantemento logo dos traballos realizados nel.

O PP entende que a Xunta de Galicia, por recortes económicos, tivo que optimizar recursos e suspenderon o convenio para continuar coas escavacións. Sen embargo, os populares explican que esta situación, froito dun emprego eficiente de recursos, non escusa ao Concello das labores de mantemento de elementos de gran atractivo turístico.

Neste senso, ao recordar as duras críticas vertidas no seu momento polo equipo de goberno dado o suspenso na continuidade das labores de restauración; os populares lamentan que Orlando González non sexa quen de manter esta contundencia á hora de conservar o xa posto en valor.

A primeira protección do castro de Zoñán figura dende o ámbito municipal, polo que os populares censuran o abandono e a implicación do equipo de goberno no mantemento dunha zona na que se investiu máis de 104.000 euros en convenios da Xunta, xunto aos 730.556 do programa Leader, destinados á actuación arqueolóxica no Castro de Zoñán; á divulgación dos traballos arqueolóxicos do Castro de Zoñán; á valorización do patrimonio cultural e arquitectónico de oficios e produtos artesanais en Mondoñedo e á valorización do patrimonio cultural e arquitectónico para a recuperación do mazo e torno de Riotorto. Así, aínda que non se consigan ampliar as instalacións, é deber de Orlando González o mantemento do que xa está restaurado.

Tanto é así que a propia voceira Elena Candia explica que “o estado de abandono e tal, que o castro non só se ve cuberto pola maleza, senón que no seu interior están a crecer especies arbóreas”. Unha situación ante a que urxen intervencións inmediatas polo que dende o grupo popular “ofrecemos esta alternativa”. Así, facéndose eco da iniciativa promovida pola Plataforma a prol do fomento de Mondoñedo na área de Fervenza, está vendo a proposta de organizar un grupo de voluntarios para o coidado desta área.

Para levar a cabo esta iniciativa, o Grupo Popular local rexistrou hoxe un escrito dirixido ao concello no que lle plantexa ao grupo de goberno a posibilidade de que nesta proposta colabore o arqueólogo municipal, ao ser conscientes de que as labores que se cheguen a emprender nunha localización cun valor patrimonial, requiren a supervisión de técnicos.

Exit mobile version