Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Lugo denuncia que Educación “segue a modificar o mapa de centros pola porta de atrás”

O PSdeG provincial de Lugo insiste na súa denuncia de que o obxectivo da Xunta é “modificar o mapa de centros da provincia pola porta de atrás”. Díxoo en casos como a eliminación de ESO e BAC do IES As Mercedes, e agora insiste na “gravidade deste problema” co anuncio dun novo peche, o da escola unitaria CEIP de Ribeira de Piquín. “O goberno galego sempre actúa ao seu estilo, de novo de xeito covarde, sen información nin consenso coa comunidade educativa e cun anuncio fóra da época escolar que colle aos pais e mestres por sorpresa”, lamenta o secretario provincial de Educación, Carlos Ferreiro.

O socialista apunta ademáis ao “enésimo ataque do PP ao rural, feito desde un despacho e pensando só coa calculadora, sen molestarse sequera en coñecer a realidade concreta de cada zona”, nun “camiño ideolóxico de desmantelamento de servizos públicos na periferia, privatización, centralización e nula sensibilidade por un problema tan serio como o despoboamento”.

Reducción drástica do profesorado
Os socialistas volven esixirlle á Xunta que explique cal é o seu plan para o mapa escolar provincial, e reiteran o seu ofrecemento a negociar un novo mapa con consenso. Ademais, piden que o goberno autonómico explique cales son as súas previsións reais de reducción de profesorado, xa que esperan un recorte “drástico” se o goberno autonómico segue a reducir a taxa de reposición das xubilacións e non convoca prazas. “As prazas ofertadas non garanten a cobertura das xubilacións, e pouco a pouco o PP vai desmantelando e deteriorando a calidade da ensinanza pública”, censura Ferreiro.

Exit mobile version