Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG denuncia o “colapso total” do HULA e urxencias e censura a “falta de previsión” da Xunta co Arde Lucus

O PSdeG provincial de Lugo denuncia o “colapso total” do HULA nestes momentos, en especial do servizo de urxencias, e censura a “inadmisible falta de previsión” da Xunta, “que amosa a súa desidia sen planificar os servizos sanitarios para un acontecemento de masas como o Arde Lucus”, afirma o médico e secretario provincial de Sanidade do PSdeG, Miguel Rodríguez Lois.

Segundo puideron comprobar os socialistas a través dos propios profesionais sanitarios, os 25 boxes de urxencias do hospital lucense “están totalmente colapsados”, incluso con seis pacientes que terían que ser ingresados en planta pero que siguen nos boxes por non ter camas nas habitacións. É “especialmente grave” tamén o caso dun paciente psiquiátrico que ten que estar controlado por gardas de seguridade “e non pode ser ingresado en psiquiatría porque tampouco hai camas”, explica o socialista. O mesmo sucede noutras unidades do hospital, como é o caso de xeriatría.

“Estamos cansos de repetirlles aos responsables do Sergas e deste goberno galego que a cidadanía de Lugo non é de segunda. Esiximos que dunha vez nos tomen en serio e actúen de forma responsable. Que non se atrevan a volver a enganar á xente; só teñen que desprazarse hoxe ata o HULA para que se lles acaben os argumentos e atopar argumentos de sobra para poñerse colorados, isto é inadmisible”, afirma Rodríguez Lois.

Exit mobile version