Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG presenta mocións en todos os concellos da Mariña contra a supresión de médicos de atención primaria

OLYMPUS DIGITAL CAMERARepresentantes do PSdeG na Mariña, entre eles os deputados e voceiros do partido na comarca José Ramón Val, Lara Méndez e Alfredo Llano, anunciaron que os socialistas presentarán mocións en todos os concellos mariñáns contra a supresión de médicos de atención primaria para que os representantes do PP se manifesten sobre as decisións da Xunta co “desmantelamento” dos centros de saúde. A voceira de Cervo, Lara Méndez, esixiu asimesmo que “os responsables do PP na Mariña e na provincia, como o señor José Manuel Balseiro, teñen que facer algo máis e presionar á Xunta, non só facer o paripé nun pleno municipal e despois xogar un dobre papel no Parlamento e ante o goberno autonómico, onde realmente ten que demostrar se está a favor dos veciños”.

Nesta mesma liña, o parlamentario José Ramón Val lamentou que “xa se ve cales son as prioridades do señor Balseiro para a Mariña no Parlamento, pois preferiu levar de urxencia unha iniciativa porque o seu partido perdeu o goberno do Valadouro, que só lles interesa a eles, que esixir na Cámara que a Xunta rectifique nun tema tan grave como a eliminación de profesionais sanitarios, polo que os veciños están protestando masivamente nas rúas”.

Os socialistas, que se sumaron á manifestación veciñal convocada en San Cibrao, critican que “os plans de desmantelamento da sanidade do PP xa se cobraron a primeira vítima, o Concello de Cervo” pero este “non é un caso illado, xa que en Ribadeo levan sen cubrir máis dun ano a baixa dun facultativo e en varios municipios hai médicos a piques de xubilarse”. Por isto, esíxenlle aos responsables do goberno galego que expliquen cales son os seus plans, e se teñen pensado seguir o criterio do Goberno central de cubrir soamente o 10% das prazas dos facultativos que se xubilen, o que suporía “acabar cunha prestación sanitaria pública de calidade”. Tamén piden explicacións sobre a intención anunciada en sede parlamentaria de reducir á metade a dotación de recursos humanos dos centros de saúde do rural que teñan menos de 1.500 habitantes, “sen ter en conta nin o envellecemento poboacional nin a dispersión, o que sería un novo ataque que agravaría o problema do despoboamento”.

Desde o PSdeG pídenlle á Xunta na moción que “manteña como mínimo o mesmo número de facultativos nos centros de saúde” que existían antes da creación da Área Integrada Sanitaria, un modelo de xestión á que os socialistas se opoñen e que supón que o orzamento dos centros de atención primaria deixe de ser independente e adaptada concretamente ás necesidades dos pequenos centros de saúde, e dependa da distribución global dos fondos sanitarios para toda a provincia.

Exit mobile version