reinvindicamos para os veciños e veciñas da provincia unha sanidade pública de
calidade e a dotación de servizos que garantan unha asistencia adecuada e eficaz. Isto
é, que cumpra coas recomendacións dos profesionais científicos e que sexa igualitaria
con respecto aos cidadáns e cidadás do resto de provincias galegas e españolas.
Desde o PSdeG‐PSOE unímonos para facer recapacitar aos responsables da Xunta de
Galicia e apelar á súa vontade política para cumprir coas dotacións xa comprometidas
durante a etapa do anterior goberno autonómico.
Esiximos Hemodinámica as 24 horas no HULA, porque non podemos permitir que o
tempo de atención medio para realizar un cateterismo en caso de infarto sexa de case
180 minutos para os e as lucenses, cando os expertos din que despois de 120 minutos
os danos poden ser irreversibles e o risco de morte é ata do triple.
Esiximos Radioterapia, porque non podemos consentir que 600 lucenses teñan que
trasladarse cada ano a outra provincia para recibir o seu tratamento contra o cancro
nunhas condicións que afectan ao enfermo e aos seus familiares. Esiximos tamén
Medicina Nuclear, porque un hospital de referencia non pode quedar atrás na
diagnose de enfermedades e non debe renunciar a darlle seguridade e unha atención
de calidade aos veciños e veciñas.
Reclamamos que estas peticións sexan tratadas como o que deben ser: unha
prioridade para a Xunta. E solicitamos que este tema sexa abordado por riba de
motivos ideolóxicos, por diante de criterios de calculadora e coa mirada autónoma e
independente que debe ter o Goberno de Galicia, que nun problema destas
características non pode escudarse en decisións tomadas desde Madrid nin en
Consellos Interterritoriais, senón na realidade e as necesidades propias da poboación
galega e, neste caso, lucense.
Por todo isto, e co ánimo dunha apertura de diálogo que nos leve a ter unha decisión
favorable por parte da Xunta, pedimos que se escoite a nosa voz, que non é máis que o
eco das reclamacións multitudinarias dos e das profesionais da sanidade e de todos os
veciños e veciñas de Lugo. Terán sempre o noso apoio para unhas reclamacións que
son de xustiza para unha Galicia cos servizos sociais que merece, e que debe deixar de
ter dúas velocidades.
Asimesmo, manifestamos que estaremos vixiantes tras os pasos dados coa xestión
integrada única, que non compartimos, por supoñer a eliminación da independencia e
a autonomía orzamentaria das áreas da Mariña e Lemos, e por abrir a porta da
privatización e a centralización de servizos co progresivo abandono das zonas rurais.
Tamén lembramos os compromisos incumpridos por parte da Xunta de Galicia en
materia de sanidade na provincia, como a dotación dos edificios do antigo Hospital
Xeral ou as melloras e investimentos nos hospitais comarcais de Burela e Monforte.
Os abaixo asinantes pregamos que o Presidente da Xunta e os responsables da
Consellería de Sanidade teñan en conta as nosas solicitudes en favor da provincia.