Antonio Veiga explicou que o 90 por cento dos criterios que rexeron a adxudicación do servizo de Teleasistencia Domiciliaria foron económicos e que se elixiu a oferta económica máis baixa por ser a única que permitirá incrementar o número de usuarios aos que se da servizo, pasando dos 1.593 actuais até preto de 2.200 usuarios. “Isto será posíbel grazas a que o custe por usuario será menor; diminuíndo de 21 euros a pouco máis de 14 euros e, ademais, para o segundo e terceiro usuario da mesma familia que queira adherirse ao servizo, este será gratuíto. Tendo en conta sempre que a redución dos custes non repercutirá na calidade do servizo”.
“A Teleasistencia Domiciliaria –continuou o vicepresidente- seguirá a ser un servizo gratuíto para todos os usuarios. Será cofinanciado ao 50 por cento pola institución provincial e os 66 dos 67 concellos da provincia que se adheriron ao convenio proposto pola área de Benestar Social, sen que teña custe algún para os usuarios e sen que ninguén quede discriminado por cuestións de renda”.
Con este contrato garántese a continuidade do servizo para os vindeiros catro anos despois de que o Goberno do Estado suprimise dos Orzamentos Xerais a partida que o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, dedicaba, a través do IMSERSO, á súa cofinanciación e de que a Xunta de Galiza non se mostrase disposta a asumir a porcentaxe que aportaba o Executivo central.
Neste senso, Antonio Veiga concluíu que “este contrato é a demostración de que a política económica e social que se está a facer desde a Deputación Provincial de Lugo, ademais de transparente, é totalmente oposta á que se está a facer desde o Estado e a Xunta de Galicia. Non é o momento de recortes senón de facer políticas que cheguen cada vez a máis persoas”.