Site icon Crónica3.com A Mariña

O V Encontro no Eido Dourado celébrase o 29 de xuño con participación de diferentes artes

Barreiros, 21 de xuño de 2013. Todo está listo para a celebración do V Encontro no Eido Dourado que terá lugar o vindeiro 29 de xuño a partires das 20 horas. No acto daranse cita a escultura, o teatro, a poesía e a música. A francesa Coralie Yap-Chine, elexida mellor vocalista alternativa en España no 2008, protagonizará a parte musical do evento, no que tamén intervirán Najla Shami, Vadim Yukhnevich, Mini e Mero e Pablo Pérez, entre outros. Este encontro suporá o inicio da quinta tempada do Eido Dourado, na praia da Pasada en Barreiros, un espazo dedicado ao arte no que poder admirar a pintura de Celso Dourado e tamén as esculturas de diversos artistas. O Eido Dourado estará aberto durante todo o verán.

Celso Dourado explicou que “vai presentar e conducir o acto a actriz e xornalista Comba Campoy e abarcaremos un pouco todas as artes. Imos inaugurar unha escultura de Quique Guerra, feita en madeira e granito; en pintura presentarei a miña obra máis recente; en teatro estará Pepe Penabade e en poesía contaremos coa xove ribadense Silvia Murias”.

A música estará moi presente no V Encontro no Eido Dourado, “a música sempre ten unha tradición forte e segundo van pasando os encontros cada vez xúntase máis xente. Fixemos unha aposta forte neste 2013 xa que vai estar por primeira vez no Eido Dourado a cantante de jazz francesa Coralie Yap-Chine, elixida mellor vocalista alternativa en España no 2008, que estará acompañada por Pablo Seoane nos teclados. E despois haberá un elenco de músicos, entre os que estarán, os sempre presentes Mini e Mero, a cantante de orixe palestino Najla Shami, que abriu o cuarto encontro o ano pasado, tamén escoitaremos ao benquerido amigo Vadim Yukhnevich e a Pablo Pérez, etc, porque sempre se sumará algún máis”, relatou Dourado.

A entrada ao V Encontro no Eido Dourado é libre, “sempre se da moi bo ambiente e convido a todos aqueles que queiran achegarse e pasar un rato agradable a que o fagan. O evento desenvolverase nos xardíns e no interior do Eido Dourado. Pensamos que este compendio de artes poderá resultar moi interesantes na nosa Mariña”.

Exit mobile version