Site icon Crónica3.com A Mariña

O xurado seleccionou aos artistas que participarán cos seus proxectos en EnRedarte

artistas-EnRedarteLugo, 11 de xuño de 2013. Esta mañá, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou xunto á xerente da Rede Museística, Encarna Lago, a selección de artistas, feita por un xurado de profesionais do mundo da arte, que farán parte do proceso de creación do proxecto ENREDARTE nas diversas accións que se levan a cabo dentro do proxecto.

Mario Outeiro destacou o carácter multidisciplinar, aberto e inclusivo dun proxecto global como ENREDARTE, “que dan a oportunidade tanto a novos creadores como a artistas xa consagrados, creando unha simbiose moi proveitosa. É un proxecto que abrangue cinco iniciativas que se desenvolven nos catro museos da Rede Museística, a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos e o antigo Hospital de San Xosé. Porén, ademais de plataforma para visualizar os traballos duns artistas determinados, EnredArte é tamén un acicate para promover a creación artística, xa que xurdirán novos proxectos creativos a raíz deste proxecto porque os artistas veranse animados e, ademais, isto tamén axudará a pór en valor os espazos museísticos e os fondos dos propios museos da Rede. Por todo isto, creo que estamos diante dun proxecto dunha envergadura moi grande xa que abrangue todas as esferas artísticas e desde todos os puntos de vista: creación, difusión, posta en valor de novos artistas e de espazos culturais singulares. Que os artistas aproveiten estes recursos e o público se achegue á arte”.

Encarna Lago anunciou cales serán os artistas seleccionados para participar en Estudio Aberto, concibido para artistas plásticos de diferentes disciplinas: pintura, escultura, debuxo, instalación, fotografía, videocreación, etc. A sala de exposicións temporais do Pazo de San Marcos converterase, durante dous meses, nun estudio aberto no que 12 artistas, mediante dúas residencias artísticas no Pazo de San Marcos disporán dun espazo para crear diante dos visitantes, en diálogo directo con eles e cos outros creadores seleccionados. A decisión do Comité de Selección das propostas presentadas á sección de Estudio Aberto do proxecto EnREDarte foi para a residencia de xullo: Reme Remedios, Paz Vicente, Cristóbal Tabares e Ro-Ro, Gema López, Elena Gaztelumendi e Lomarti; Para a residencia de agosto: Mónica Trastoy, José M. Luque, Eva Cruz, Edurne Herran, Senén Olano, Ruth Montiel Arias. Como suplente queda designada Isabel Alonso.

Por outra parte, para Diálogos na Rede, a iniciativa aberta aos artistas que respondan á convocatoria dos catro Museos da Rede Museística Provincial (Museo Provincial de Lugo, Museo Provincial do Mar, Pazo de Tor e Museo Etnográfico de San Paio de Narla) e presenten proxectos de intervención que establezan un diálogo artístico con pezas ou coleccións concretas pertencentes a un dos catro museos da Rede, o xurado seleccionou dous artistas para intervir en cada un dos museos: Enrique Tenreiro, Iago Eireos, Marina Núñez, Oscar Seco, Carmen Llonín, Paula Cabaleiro, Isabel Somoza, Yolanda Dorda.

Dentro da iniciativa Espazos Públicos de Visibilidade, tamén pertencente ao proxecto global ENREDARTE, mañá 11 de xuño, ás 17:30 horas, a xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo, Encarna Lago, xunto a Lucía Dequit e Francisca Abuín do departamento de Didáctica da Rede, visitarán o Centro Penitenciario de Bonxe para dar a coñecer ao persoal recluso deste centro os museos lucenses e os seus contidos a través dunha charla, complementada con diversas actividades. Logo, o xoves, 20 de xuño, na Sala Multiusos do MPL, os participantes nesta experiencia, reclusos do Centro Penitenciario de Bonxe, darán a coñecer os seus traballos plásticos aos visitantes con unha exposición.

Exit mobile version