Site icon Crónica3.com A Mariña

Onde estará Balseiro?

Ana Ermida.- Nos últimos días, comezamos a detectar certa preocupación na cidadanía mariñá ante a desaparición do popular (en todos os sentidos) José Manuel Balseiro. Acostumadas como nos ten á súa locuacidade, leva unhas semanas que poderían ser de vacacións previas ás estivais.

Falamos do señor Balseiro porque se tiña convertido no referente popular na Mariña, pasando do azoute continuo dun goberno bipartito que aínda colea no discurso do PP ao excelente comercial que vendía as bondades (cando non as vontades) á cidadanía dun goberno do Partido Popular incapaz de cumprir coa Mariña. Pero poderíamos preguntarnos onde están o resto de cargos populares con responsabilidades para con esta comarca.

Podemos preguntarnos desde onde está o señor deputado en Madrid Jaime de Olano (ademais de axudando a consumar o roubo ao aforro das persoas estafadas polas preferentes co seu apoio á quita), onde está o outro parlamentario popular no Parlamento Galego, Vidal Martínez-Sierra ata onde está o xa famoso delegado de deportes, Manuel Otero (coñecido nos círculos deportivos pola súa carta de presentación “chamade para as fotos, pero non para pedir cartos”). Non podemos esquecernos tampouco de preguntar onde están os alcaldes e alcaldesa do Partido Popular na Mariña. Porque desde a rebelión nas súas filas ante a ameaza da redución dos salarios, non volveron a aparecer.

Non aparece o Partido Popular ante a situación de emerxencia que está a vivir a nosa comarca. Quizais como estratexia para non saír perdendo como partido, por non queimar ao PP a costa de queimar á xente, optan por facer “mutis polo foro” e nin sequera posicionarse en cuestións tan importantes como os problemas da sanidade ou de emprego que se están a vivir na Mariña.

Onde está o Partido Popular para reivindicar a autonomía da área sanitaria da Mariña? Onde está o Partido Popular para garantir o mantemento da asistencia sanitaria primaria como, por exemplo, no caso de Cervo? Onde está o Partido Popular ante a continua sangría de perda de empregos na comarca? Onde está o Partido Popular ante a perda da capacidade adquisitiva que propón a pouca empresa que queda na comarca @s seus traballador@s? Onde está o Partido Popular ante a ameaza de que a Mariña quede “de facto” sen Xulgados en Mondoñedo e Viveiro e queden reducidos a simples oficinas xudiciais? Onde está o Partido Popular ante o desmantelamento da oficina da Axencia Tributaria de Foz?

E a pregunta final: onde está o partido do goberno nun momento no que A Mariña está en plena descomposición?

É esta a actitude e a responsabilidade que se agarda dun partido que está no goberno e que, se entende, debera ter como obxectivo a defensa das mulleres e homes deste País? É esta a responsabilidade dos representantes dunha comarca que pasa por un dos seus peores momentos? Para que queremos un goberno que nin goberna nin sequera aparece para dar a cara e amosar a súa responsabilidade para o posto no que os colocou a cidadanía?

Fronte á resposta social que está a xurdir ante todas estas problemáticas, as persoas que teñen o encargo de gobernar este País e esta comarca (que non se esquezan) convertéronse en invisibles. Será esta a transparencia da que tanto presumen? Ou será que fan bo aquel dito galego de que quen cala, outorga?

Ana Ermida
Responsábel comarcal do BNG

Exit mobile version