Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo esíxenlle explicacións ó equipo de goberno para os veciños que quedan sen asistencia médica

CERVO, 4 DE XUÑO. Os veciños de Cervo quedarán os vindeiros días sen atención médica e terán que desprazarse ata San Ciprián para resolver os seus problemas sanitarios con todos os perxuízos que isto conleva, os socialistas pregúntanlle ó alcalde, Alfonso Villares, “cales son as xestións que se están a tomar para evitar esta situación, porque o seguinte paso será o posible peche deste centro de saúde”.

A pesares de que o goberno do Partido Popular en Cervo segue a defender esa falsa ironía de que “non imos perder ningún servizo coas políticas dos seus compañeiros da Xunta de Galicia, os veciños xa están a sufrir as primeiras consecuencias. Son mil as cartillas que se están a citar neste centro de saúde e por un tempo ilimitado terán que desprazarse ata San Ciprián co trastorno económico e social que isto terá para moitos deles”.

Pídenlle ó equipo de Villares que “teña a valentía de dar resposta a todo isto. Agardamos que non actúen como co asunto do emisario, a tónica habitual últimamente é que o PP goberna e quen parece que ten que dar explicacións é o Partido Socialista”.

Neste senso, subliñan que “se asumisen as súas promesas, a día de hoxe xa terían que ter todo o saneamento máis que finalizado pero seguimos na mesma situación. A realidade é que non lles tembla o pulso nin o máis mínimo para facer todo o contrario ó que prometen, e isto en tódolos ámbitos. Como co emisario a merma de servizos sanitarios queda cada día máis patente pero o PP de Cervo segue mirando para outro lado”.

Exit mobile version