Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo do organismo provincial, foi o encargado de presentar esta nova edición do programa e explicou que “o feito de que esteamos ante un ano máis de Cultura Aberta vén constatar o noso interese por apoiar a cultura nas súas diferentes expresións. E isto é así porque somos conscientes da importancia de investir nela, aínda en tempos de crise, xa que a cultura ademais de dinamizar a sociedade, alentar os ánimos e enriquecer o espírito, impulsa a economía pola industria que se crea arredor dela”.
Os Martes de Cine Social comezarán o vindeiro 2 de xullo, e as proxeccións terán lugar a partir das 20:00 horas no Salón de Actos da Deputación, as actuacións para os máis pequenos terán lugar os Mércores Miúdos, ás 18:30 horas, comezando o vindeiro día 3 de xullo co espectáculo “A nena e o grilo nun barquiño”, e os Xoves de Cultura Aberta, para todos os públicos, terán lugar ás 21:00 horas e arrancan o 5 de xullo.
Neste senso, Outeiro precisou que “os xoves van ser en clave feminina, pois imos contar cunha mostra do mellor do noso panorama artístico actual, da man de mulleres grandes e bravas: o humor comprometido de Isabel Risco, a revolución no escenario de The Teta’s Van, ou a poesía musicada de Uxía, cantándolle a Manuel María, entre outras”.
Ademais, nesta edición aparecen como novidade os Venres de Teatro, que terán lugar o 2 e o 9 de agosto, ás 21:00 horas, nos Xardíns da Deputación, e cos que se pretende render unha homenaxe ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño da man dos grupos inseridos nos circuítos Buxiganga.