Isto explica a extrema falla de adaptación do PP e PSOE ao novo paradigma. E• a súa desesperada loita lampedusiana para tentar aparentar reformas cando en realidade queren que nada mude. Porque compre enxergar os signos dos tempos. A loita antifranquista non é máis ca unha curiosidade histórica para todos os que non puidemos votar esta Constitución. A cidadanía espertou e quere incorporar na axenda reformas institucionais inaprazábeis: máis proporcionalidade, candidaturas abertas adoptadas coa participación da cidadanía, candidaturas limpas, esixentes regras de transparencia, novos xeitos de participación. A onda mesmo lle chegou, no noso País, a Anova, que houbo seguer a rota de CXG e asumir candidaturas abertas reais, que abren os órganos partidarios ás minorías e evitan o dirixismo das burocracias partidarias.
A sociedade civil vai levar por diante, tamén, algúns dos seus axentes supostamente representativos. Como a CEG. Alguén pode pensar que ésta representa verdadeiramente aos empresarios deste País? Mais os sindicatos tampouco ficarán á marxe deste “tsunami” cidadán, que ten a virtude de nos lembrar que ninguén pode gardar o viño novo nos pelexos vellos.
A ARRINCADEIRA .GAL, O DOMINIO DA GALICIA
O ICANN, organismo regulador da Internet, ven de abrir a porta para o dominio galego (GAL). Foi un traballo apartidista, estruturado precisamente no seo da sociedade civil. Un proxecto de País.
.GAL abre grandes posibilidades de promoción cultural e exterior para a noso País e cultura e, xa que logo, moitas posibilidades económicas e empresariais. Ogalla avaliemos este instrumento polo que custou e polas súas potencialidades. .GAL é o recoñecemento mundial por sermos diferentes.