O salón de plenos do consistorio acolleu o acto, no que o presidente da fundación, Marcelino Luna, e o alcalde de Burela, José María González Barcia, tiveron o privilexio de estar acompañados polos pais do homenaxeado, Isabel Lozano e José Ramón Maseda. A presentación tamén contou coa presenza dos concelleiros de Deportes dos tres municipios colaboradores na cita, Beatriz Piñeiro, de Burela, Luis Guillén, de Cervo, e Ángel Paleo, de Foz.
Marcelino Luna amosou a súa satisfacción pola consolidación dunha iniciativa deportiva que reúne as metas fundacionais de Imdecum: ‘O Memorial non só se identifica co promoción do deporte e a vida sa entre os mozos e mozas e transmite a cultura de esforzo e solidariedade, tan necesaria nos tempos que corren; coa distribución da competición tamén dá a coñecer a nosa bisbarra, a súa riqueza natural e cultural” explicou o presidente, transmitindo o agradecemento á familia Maseda pola “amabilidade de deixarnos o legado de Rodrigo, un xesto co que Imdecum adquire o compromiso de facer desta cita un modelo para a xuventude”.
José María González Barcia tamén loou a disposición da familia do policía: “Rodrigo sempre representará uns valores de esforzo, sacrificio e traballo en equipo, que tamén definen o deporte. Dende o Concello e dende entidades coma a Fundación Imdecum temos o deber de trasladar eses valores á sociedade e, especialmente, á xente nova” dixo o rexedor, que tamén incidiu en que o Memorial coincidirá coa segunda edición da Festa Castrexa. Pola súa banda, os edís de Cervo e Foz aplaudiron a continuidade do torneo mariñán e amosaron o seu compromiso de seguir colaborando na cita.
Isabel Lozano, xunto ao seu marido, pechou a presentación agradecendo, por segundo ano, a iniciativa de Imdecum: “Rodrigo era un rapaz moi san, que amaba o deporte; compartiría o noso sentimento de orgullo por ser un modelo a seguir para unha cita que reúne a centos de nenos en torno ao fútbol sala”.
Inscrición ata o 21 de xuño
Ata o venres 21 de xuño, os clubs poderán formalizar a súa inscrición na cita que reunirá na mariña o fútbol sala de base, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e os concellos de Burela, Cervo e Foz. Xa amosaron o seu interese en participar equipos dende Madrid, Guadalajara, Vigo, A Coruña e diferentes escolas da comarca.
Ao longo de tres intensísimas xornadas, os pavillóns da Veiga (San Cibrao), Marzán (Foz) e Monte Castelo e Vista Alegre (Burela) acollerán, coma na primeira edición, a competición de benxamín, alevín, infantil e cadete, incluíndo como novidade a categoría xuvenil. Durante todo o torneo, a organización tamén lles ofrecerá aos rapaces/as unha programación lúdico-deportiva complementaria, con xogos multimedia e visitas guiadas ao barco-museo Reina del Carmen e o Museo do Mar de San Cibrao, ademais de ter a posibilidade de usar as instalacións do complexo deportivo da Marosa e a piscina de San Cibrao.