Site icon Crónica3.com A Mariña

Servizos Sociais de Cervo colabora con Cáritas nunha campaña de recollida de roupa para os máis necesitados

Cervo, 1 de xuño de 2013- O Concello de Cervo, a través da Concellería de Servizos Sociais, colabora con Cáritas nunha acción que ten como obxectivo cubrir necesidades básicas de persoas con escasos recursos como de vestiario e calzado. Unha campaña na que só se pide á cidadanía que achegue roupa de vestir ou do fogar, como manteis, sabas, toallas, ou tamén zapatos e bolsos que xa non utilizan. Unhas pezas que serán destinadas aos máis necesitados, primeiro aos veciños da Diocese, xa que moitos roupeiros da zona se atopan desabastecidos segundo informan dende Cáritas polo incremento de solicitudes e a baixada de doazóns. Tamén se agarda poder enviar roupa aos campamentos de refuxiados saharauís ou a Guatemala.

Dende Servizos Sociais de Cervo explican que o material doado non ter por que estar en perfecto estado, xa que aquela roupa que non sirva para vestir tamén terá un uso, sendo vendida a unha empresa para o seu reciclaxe, unha venda da que se obterán beneficios que se repartirán entre as Cáritas da Mariña que participen nesta acción e que despois reverterán na veciñanza que o precise. Aínda así, todas as pezas deben estar limpas e presentables, e terán que entregarse en bolsas de plástico.

Unha acción promovida por Cáritas Diocesanas e na que o Concello cervense colabora activamente poñendo á súa disposición as instalacións municipais onde se atopaba o FOREM como punto base para o almacenamento de todo o material que se vaia recollendo nos distintos puntos habilitados para as doazóns, que en concreto son as igrexas parroquias da Mariña colaboradoras. Así, todas as pezas achegadas pola cidadanía iranse trasladando periodicamente ata ese punto de almacenamento central en Cervo onde se gardarán ata o momento do reparto.

A edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, asegura que este é un bo momento para iniciar esta campaña ao estar inmersos nun cambio de estación “polo que é máis doado atopar e retirar toda aquela roupa á que non lle imos dar uso e que pode servir para axudar a moita xente que o necesita”, polo que Armada convida á cidadanía a implicarse nesta iniciativa facendo as súas achegas.

A edil reuniuse estes días co párroco de Cervo e con voluntarios de Cáritas para coordinar esta acción que xa se iniciou. “A Unidade Pastoral de Cervo transmitiunos o seu agradecemento por colaborar na campaña, pero realmente somos nós dende o Concello os que lles temos que agradecer a súa iniciativa tan necesaria nestes tempos difíciles” remata Armada.

Exit mobile version