Site icon Crónica3.com A Mariña

Sito Rivera e Javier Lorente estrearán o primeiro Clínic do Memorial Rodrigo Maseda Lozano

Mércores 26 de xuño. O Torneo Imdecum de Fútbol Sala Base 2013 ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’ regresará á axenda estival da Mariña a comezos de xullo coa segunda edición e a estrea dun clínic, que contará cun profesorado de luxo, o seleccionador de Romanía, Sito Rivera, e o director deportivo do Inter Movistar, Javier Lorente.

Ao longo dos días 5, 6 e 7 de xullo, os pavillóns da Veiga (San Cibrao), Marzán (Foz) e Monte Castelo e Vista Alegre (Burela) acollerán, coma na primeira edición, a competición de benxamín, alevín, infantil e cadete, incluíndo como novidade a categoría xuvenil.

Repetirán experiencia e diversión o histórico UD Las Rozas Boadilla, gran triunfador da primeira edición do Memorial, como campión benxamín e infantil, destacado en xogo limpo na categoría cadete e como pichichi en benxamíns, alevíns e infantís; a ED Vigo 2015 FS, gañador cadete en 2012; Troula FS de Betanzos e a ED EON Burela FS, que brillou na deportividade en benxamíns. Tamén confirmaron a súa participación o CD Guadalajara, o coruñés Futsaco, Ponte Ourense e dentro da comarca mariñá salienta entre os clubs interesados Cidade de Viveiro. O calendario darase a coñecer nos próximos días

Durante todo o torneo, a organización tamén lles ofrecerá aos rapaces/as unha programación lúdico-deportiva complementaria, con xogos multimedia e visitas guiadas ao barco-museo Reina del Carmen e o Museo do Mar de San Cibrao, ademais de ter a posibilidade de usar as instalacións do complexo deportivo da Marosa e a piscina de San Cibrao.

En 2012, a emotiva cita futbolística contou coa presenza de 8 clubs e 27 equipos nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete: UD Las Rozas Boadilla, ED Vigo 2015, Troula FS de Betanzos, ADFS A Mariña, Ribadeo FS, San Cibrao e As Catedrais, xunto á ED EON Burela FS.

Exit mobile version