Site icon Crónica3.com A Mariña

Un grupo de hostaleiros mindonienses visitará a Ribeira Sacra para procurar vías de comercialización dos produtos turísticos locais

Mondoñedo, 08 de xuño de 2013- O próximo martes, un grupo de hostaleiros da localidade de Mondoñedo visitarán a Ribeira Sacra nunha viaxe de traballo, que permitirá o establecemento de contactos con empresarios dunha comarca referente a nivel turístico.

A voceira popular local, Elena Candia, explicou que esta xornada permite dar continuidade a mesa celebrada esta mañá e que partiu do encontro sobre o potencial turístico de Mondoñedo celebrado en abril, “durante o que nos trasladaron unha invitación para visitar a Ribeira Sacra e coñecer proxectos de dinamización turística”.

Deste xeito, os populares articularon este encontro de traballo co “obxectivo de establecer acordos para a comercialización dos produtos turísticos locais”. Así o puxo de manifesto a propia Candia, quen asegurou que durante as reunións previstas ao longo da xornada do martes “se concretarán liñas de traballo que acaden resultados de xeito rápido, para unha economía mindoniense necesitada, e abrir así vías de comercialización”.

Deste xeito, os empresarios mindonienses que se acheguen ata a Ribeira Sacra visitarán ao longo da mañá un proxecto turístico local e manterán unha reunión co presidente do Consello Regulador; mentres que pola tarde terán un encontro coa directiva da Ribeira Sacra Rural e co xerente do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra.

A voceira popular Elena Candia manifestou a súa satisfacción ante os resultados positivos que parecen estar a amosar as iniciativas a prol do fomento turístico promovidas ou nas que colaboran os populares. Tanto é así que hai unha proposta dunha empresa cun proxecto para a reactivación do turismo local a través dos deportes de aventura, como é o parapente, así como outros incentivos atraentes de turistas como son as rutas a cabalo, o sendeirismo, percorridos en mountain bike ou tirolina.

Exit mobile version