Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación colabora na publicación de “O Instituto Provincial de Lugo: 1842-1975”

Lugo, 28 de xuño de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou, esta tarde, na presentación do libro de Antonio Prado Gómez que leva por título “O Instituto provincial de Lugo: 1842-1975”. O acto, que se celebrou no propio centro de ensinanza, estivo presidido por Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega e profesor deste centro durante 13 anos.

Esta publicación, financiada pola Vicepresidencia da Deputación, que se encargou da súa edición, a Consellería de Cultura, Educación e ordenación Universitaria, e o concello de Lugo, recolle, en 456 páxinas e a través de 200 fotografías, a historia do Instituto Lucus Augusti, máis coñecido como Instituto Masculino, o máis antigo de Galiza. A principal referencia informativa coa que se contou para coñecer o percorrido do Instituto foi aportada polos Libros de actas dos seus claustros, nos que se recollían todas as circunstancias importantes polas que atravesaba o Centro.

Durante a súa intervención, o delegado de Cultura destacou o labor do autor de cara a posta en valor do centro educativo e da súa historia e precisou que “esta non é a primeira vez que Prado Gómez, catedrático de Historia no IES, fai unha aportación na recuperación histórica do centro, pois xa ten colaborado no 150 aniversario do instituto con distintos exemplares como ‘Orixes razoadas do Instituto lucense’, ‘O Instituto de Lugo, a través dos seus documentos, 1842-1942’, ámbolos dous publicados en 1992; o guión do vídeo ‘O Instituto de Lugo, máis dun século de vida Lucense’, do mesmo ano; e ‘Unha visión do sistema educativo no primeiro liberalismo: 1842-1868’, publicado en 1994”.

Máis recentemente, en novembro do ano pasado, Prado Gómez preparou unha exposición sobre o Lugo que viu nacer o IES Lucus Augusti, que serviu para conmemorar o 170 aniversario dun instituto que, segundo explicou Mario Outeiro, “a finais do século XIX e principios do XX foi considerado como o núcleo máis importante do ambiente académico e intelectual da cidade e da provincia, no que estudaron persoeiros como Álvaro Cunqueiro, Antón Vilar Ponte, Ánxel Fole ou Dionisio Gamallo Fierros, entre outros, e que hoxe en día da cabida a un milleiro de alumnos e alumnas”.

Exit mobile version