A aportación que fai o organismo provincial, a través da área de Deporte, servirá para renovar a cuberta das gradas e remodelar os vestiarios. A cuberta da tribuna, que supera os 30 anos de antigüidade, está constituída por unha estrutura de madeira de pino e apoiada sobre piares metálicos que actualmente presentan unha curvatura que evidencia o seu mal estado, así como a propia uralita que a cubre, que sofre un gran deterioro. O mesmo ocorre coa cuberta dos servizos, que ademais, incumpren a normativa vixente, xa que non posúen case alicatado nin solado e os seus elementos sanitarios non serven, xa que son de uso común e con defectos na auga corrente.
Neste sentido, Antonio Veiga precisou que “o estado actual no que se atopan a cuberta da tribuna sur e os servizos é lamentábel, podendo incluso chegar a provocar danos persoais, polo que se fai máis necesaria a súa pronta reforma e adaptación, máis aínda se temos en conta que o Campo de Fútbol de As Valgas resulta imprescindíbel, non só para o Iberia, que se encarga de cubrir os gastos derivados do seu mantemento, senón tamén para o desenvolvemento de outras actividades de carácter deportivo e cultural que se celebran anualmente neste emplazamento”.
Este proxecto de renovación das instalacións do Iberia C.F. responde a varios obxectivos da área de Deporte da Deputación como mellorar as instalacións deportivas e a capacidade das mesmas para acoller as actividades que son propias do seu uso habitual, facilitar a accesibilidade da poboación a espazos de prácticas deportivas adaptadas ás súas necesidades e consolidar a existencia dunha rede de instalacións deportivas públicas que responda ás necesidades reais da poboación.