Site icon Crónica3.com A Mariña

Voluntarios de Alcoa e veciños dragan a canle do muíño de Vilaestrofe en Cervo

Voluntarios de Alcoa San Cibrao e veciñoos dedicarán a tarde deste martes 11 de xuño a dragar a canle que conduce a auga do río Xunco ata o muíño “O Rabeno” e o lavadoiro de Vilaestrofe, en Cervo, restaurado en 2012 con fondos de Fundación Alcoa, que dona agora de novo 3.000 dólares á Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras, organización colaboradora nesta iniciativa.

Os traballos consistirán en dragar a canle para aumentar o seu caudal e que poida funcionar en todas as épocas do ano, limpar e desbrozar o terreo das inmediacións co fin de crear unha área recreativa para uso e disfrute dos veciños e visitantes, e plantación de árbores autóctonos que co tempo ofrezan zonas de sombra.

Aproveitando a forza do voluntariado, tamén se recintarán as xuntas das canterías do lavadoiro de Vilaestrofe e se repararán fisuras da canle para que non perda auga.

Ó rematar as tarefas, voluntarios de Alcoa, veciños, mulleres Espalladoras e persoal do Concello de Cervo que tamén colabora na actividade, compartirán unha merenda para repoñer forzas.

O muíño e o lavadoiro son elementos significativos do patrimonio etnolóxico e cultural da localidade ubicados nun enclave natural de gran beleza e valor medioambiental da parroquia San Román de Vilaestrofe. A Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras de San Cibrao impulsou dende un principio a súa recuperación, que foi posible grazas ó respaldo e dirección do Concello de Cervo, o apoio económico da Fundación Alcoa e o traballo desinteresado dos empregados da Fábrica de San Cibrao.

Fundación Alcoa, que se sustenta dos seus propios activos financeiros e non dos da compañía, contribúe a mellorar a calidade de vida dos habitantes que forman parte das comunidades nas que Alcoa está presente, financiando proxectos de organizacións nas áreas de saúde e seguridade, educación e formación e de respeto ó medio ambiente.

Exit mobile version