Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG felicita aos traballadores pola lección de solidariedade e valentía que amosan a Alcoa

A Sección Sindical da CIG en Alcoa manifesta a súa satisfacción polo resultado do referendo no que os traballadores dixeron que non ao preacordo de convenio entre a Dirección de Alcoa e a maioría do Comité de Empresa (UGT, CC.OO, APC e CSI.F).

A CIG manifesta que os traballadores demostran valentía cando se negan a aceptar a conxelación salarial para este ano 2013 ou que se condicione os IPC’s dos vindeiros tres anos a dar beneficios por derriba dun nivel determinado.

Inda que o que máis valora a central sindical nacionalista é a solidariedade que os traballadores e traballadoras de San Cibrao amosan ao negarse a aceptar o abuso que se pretendía facer coas novas contratacións, ás que se propoñía bloquear durante catro anos nos niveis máis baixos.

A CIG lembra que o preacordo estaba condicionado á aceptación por parte dos traballadores e espera que se respecte a decisión que estes tomaron pois considera que é de xustiza que os novos contratos cobren o mesmo que os actuais cando realicen o mesmo traballo, ó contrario sería unha clara discriminación, e puntualiza que non se está a pedir trato de favor ningún cando polo que se pélea é por conservar o valor dos salarios.

A CIG manifesta que está disposta a seguir negociando durante o mes de agosto e espera que a empresa non aproveite a época estival para tentar retrasar as reunións. Agora a pelota volve a estar no campo da empresa.

Nova reunión da Mesa de Negociación
Como xa expuxera o CSIF na asamblea de traballadores, “a oferta de ALCOA ó convenio para catro anos, era moi escasa para ser unha empresa con beneficios posto que a oferta da empresa nin sequera chegaba a subir o IPC, que é o mínimo necesario para poder manter o poder adquisitivo actual.

O vindeiro día 5 reúnese con urxencia o Comité de Empresa. “É de esperar que se solicite unha nova reunión da Mesa de Negociación para expoñer á empresa que case un 60% dos traballadores dixeron non á oferta da empresa”, manifesta José Manuel Piñar Quesada, de CSI-F Alcoa.

Exit mobile version