Site icon Crónica3.com A Mariña

A actriz Rosalía Quelle impartirá o curso ‘Ponte en escena’ en Riotorto

Lugo, 29 de xullo de 2012. O Centro Sociocultural de Riotorto acollerá durante o mes de agosto o curso de formación teatral “Ponte en escena”, impartido pola actriz Rosalía Quelle Castro. Esta acción formativa insírese dentro de Buxiganga, o proxecto teatral da área de Cultura da Deputación de Lugo.

Para este curso, que terá lugar os días 3, 10, 17 de agosto en horario de 10:00 a 14:00 horas e o 24 de agosto entre as 10:00 e as 14:00 horas e as 16:00 e 20: horas existen aínda prazas libres dentro das 20 totais coas que conta o curso. Ten un custe de 20 euros, que se reduce a 10 euros para as persoas que están dentro dos circuítos Buxiganga. Para inscribirse as persoas interesadas poden dirixirse ao teléfono 982-260-141 ou ao correo electrónico ruben.culturaedeporte@deputacionlugo.org.

Con este curso, mediante xogos e pequenos exercicios, os actores e actrices poderán descubrir o tipo de personaxe que son. Traballarán algúns textos de teatro contemporáneo, escenas cotiás que representarán xunto aos compañeiros para amosar ao seu público o aprendido, o que lles permitirá ensinar o que levan dentro e gozar do directo, da sensación que acontece estando en escena.

Grazas a este programa impulsado pola área de Cultura da Deputación de Lugo, vanse impartir un total de 9 cursos de interpretación dirixidos a actrices e actores afeccionados de toda a provincia, dos cales tres se desenvolverán na comarca da Mariña, entre eles o de Ponte en Escena, en Riotorto.

Os outros dous cursos terán lugar en Ribadeo e Mondoñedo. O Cine Teatro de Ribadeo acollerá un curso de Clown, impartido por Marián Bañobre, do 16 ao 21 de setembro, de 20:30 a 23:30 horas, agás o sábado 21, que se desenvolverá en horario de mañá de 9.00 a 14.00 horas; e a Casa da Xuventude de Mondoñedo acollerá as Prácticas de cine, da man de Óliver Laxe, os días 8 e 9 de novembro, de 17.00 a 22.00 horas, e o 10 de novembro durante todo o día.

Exit mobile version