Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia logrou a participación nun proxecto europeo de innovación e formación para 30 persoas

Foto proxecto europeo APAGA (1)Ribadeo, 24 de xullo de 2013. A asociación de profesores de automoción de Galicia (Apaga), con sede en Ribadeo, conseguiu por primeira vez a aprobación dun proxecto europeo de innovación e formación no que participarán 30 persoas do colectivo ou vinculadas a el. Anunciárono hoxe o presidente de Apaga, o ribadense Álvaro Doural, e o vocal Isidro Berdeal, que é veciño de Foz. No vindeiro ano 2014 faranse tres grupos, de dez membros, e cada un deles viaxará a un dos 3 países elixidos, que son Francia, Polonia e Rumanía.

“Consideramos que é un paso importante para a asociación porque supón unha plataforma nova para todos os socios e dáse un paso cualitativo a nivel de formación e innovación, como di este proxecto, que está dentro da convocatoria de accións europeas do Ministerio de Educación. Conta con tres socios de acollida: a escola politécnica de Varsovia (Polonia), que está especializada en todo o tema de automóbil; un centro de Rumanía e un concello francés, que tamén colabora con nosoutros nesta iniciativa. Esta acción está prevista para 30 profesores, con tres grupos de 10: un deles irá a Francia, outro a Polonia e o terceiro a Rumanía”, explicou Álvaro Doural.

O presidente de Apaga destacou que “o que se pretende con este proxecto é, por unha parte, coñecer a formación dual, da que agora se está falando tanto e que este goberno quere incorporar a case todos os centros de Formación Profesional. Trátase de saber como é este tipo de ensino de primeira man, pois nestes países leva implantado xa moitos anos. E despois coñecer novos recursos didácticos, establecer relación con centros e empresas, porque no programa hai visitas a centros educativos e tamén a empresas do sector, das que se poden sacar moitos contactos que poden supoñer outro tipo de proxectos tanto para alumnos como para profesores e tamén outras iniciativas en conxunto que se podan organizar”.

Doural comentou tamén que a asociación de profesores de automoción de Galicia “neste momento xa ten toda unha serie de contactos a nivel europeo con empresas e centros. O que pretendemos con este proxecto e con outras accións que se van formular no 2014 é ir ampliando esta rede educativa de formación e innovación. Seguimos sempre traballando cun obxectivo moi claro e unha liña moi definida, que é a educación ao longo da vida, non só a formación regrada senón tamén a do traballador en activo. Penso que hoxe, máis que nunca, a formación é un elemento importante, un patrimonio persoal que non se pode deixar de ter”.

“Nesta actividade formativa haberá 5 días de traballo no país de acollida e dous días para a viaxe, un de ida e outro de volta. Un elemento importante é como se recoñece esa formación, esa semana de traballo deses profesores que van estar en Polonia, en Francia e en Rumanía. Váiselles expedir un certificado europeo de prácticas, de recoñecemento do traballo, por parte do socio de acollida, centro ou Concello. E aparte disto o propio proxecto europeo recoñece unha certificación de 25 horas para cada participante”, explicou o presidente de Apaga.

Para Álvaro Doural “a relevancia deste proxecto é que independentemente do que nos conten sobre o que é a formación dual creo o importante e vela in situ e que os colegas che poidan explicar cales son as cousas positivas e as negativas. Tamén é importante a relación dos centros coas empresas, que neste momento aquí está moi en cueiros aínda e nalgúns países hai unha gran organización, un traballo en conxunto, no que quizais o único equiparable aquí sexa o País Vasco. Outro tema importante, que eu tiven a oportunidade de comprobar na última visita que fixen a República Checa, é o ensino non formal ou formación á carta, que cada vez está tendo máis forza polas necesidades dos sectores produtivos”.

Ademais engadiu que “este tipo de traballo, de 5 días, non leva só unha parte técnica senón que ademais hai un apartado cultural, de coñecemento do país e das súas costumes. Para cada saída hai un plan, que inclúe visitas a lugares de interese cultural desa zona e a empresas de automoción, ademais de reunións nos centros. Para os profesores que van facer esas viaxes farase previamente unha formación de 40 horas, que seguramente será on line porque temos socios de lugares como Murcia, Pamplona e todas as provincias galegas, sobre o idioma que se vai utilizar con vocabulario adaptado ás visitas que se van facer. Tamén se fará un curso de 10 horas sobre o país de acollida: a súa cultura, a xeografía, as comunicacións e ese tipo de cousas. E despois sobre a organización da viaxe”.

Doural referiuse tamén á avaliación do proxecto unha vez rematado, “para o que se fará unha enquisa de satisfacción aos participantes e tamén con todo o material e toda a documentación organizarase unha reunión con axentes externos, que son persoas vinculadas ao ensino que non teñen nada que ver con esta iniciativa e a través dun cuestionario valoran o proxecto. Unha das cousas máis importantes a ter en conta é que contactos se fixeron. A difusión tamén é un elemento clave, que estamos iniciando e que faremos a través da páxina web da asociación, nos medios de comunicación e tamén vai haber unha presentación no segundo foro de innovación e formación sobre vehículos que se vai desenvolver aquí a partir do 28 de agosto”.

Os directivos de Apaga Álvaro Doural e Isidro Berdeal esperan que se cubran as 30 prazas para as viaxes con socios do colectivo pero se non fora así “ofreceríase a posibilidade de participar a outras persoas, que pertencen a empresas colaboradoras coa asociación, preferentemente ex alumnos de automoción”.

Exit mobile version