Site icon Crónica3.com A Mariña

A aula CeMIT de Burela acollerá unha sesión demostradora das solucións TIC para a educación

Burela, 22 de Xullo do 2013. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, acollerá unha sesión demostradora impartida polo CDTIC e en colaboración co concello de Burela e do Vicedo.

O mércores 24 de xullo de 10:00 a 14:00 horas, levarase a cabo unha sesión demostradora na aula CEMIT do Concello de Burela sobre “Solucións TIC para a educación: a xestión integral da aula, a tablet, o libro electrónico e a seguridade na rede para os menores”. Esta está dirixida especialmente a directores, xerentes ou responsables TIC de colexios e centros de formación privados ou concertados.

O obxectivo desta sesión será o de amosar aos responsables de colexios e centros de formación solucións tecnolóxicas innovadoras que permitan aos docentes achegar aos alumnos e alumnas os contidos educativos dun xeito moito máis eficaz, seguro e motivador.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita na Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo 1, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.burela@xunta.es.

Exit mobile version