Site icon Crónica3.com A Mariña

A campaña ‘Llave verde’ da ADEAC certifica a calidade dos establecementos hostaleiros da Mariña baseada en criterios medio ambientais e de sostibilidade

Burela, 11 de xullo de 2013. Adeac, a fundación que convoca e concede as bandeiras azuis, presentou este xoves no Concello de Burela a campaña Llave verde, dirixida a establecementos hostaleiros que están a aplicar criterios de sostibilidade.

O alcalde, José Mª González Barcia, sinalou que “esta campaña Llave verde está enfocada fundamentalmente aos establecementos hoteleiros que están usando criterios de sostibilidade; é dicir, de aforro enerxético, de consumo de auga, de racionalización do uso dos produtos de limpeza, etcétera”.

Para o rexedor “é unha campaña positiva para os establecementos hoteleiros, xa non só de Burela senón de toda A Mariña. Esta zona estase convertendo nun destino de indubidable calidade dentro do mapa turístico a nivel galego e nacional e entendemos que un dos elementos clave precisamente na potenciación do sector turístico nesta zona son os propios establecementos hoteleiros”.

González Barcia dixo que “desde o Concello de Burela impulsamos esta campaña, de feito convocamos a tódolos establecementos hoteleiros que hai na Mariña con certo renome para que asistiran a esta charla, que foi levada a cabo polo vicepresidente de Adeac España, José Palacios Aguilar”.

O alcalde burelés anunciou que “nosoutros vamos continuar impulsando esta campaña dentro do noso propio ámbito de actuación, é dicir no concello de Burela, trasladando información aos hoteis para que se sumen a Llave verde, que ven representar unha certificación de calidade baseada en criterios medio ambientais e de sostenibilidade. E tendo en conta que nosoutros estamos apostando pola educación ambiental e por criterios de sostenibilidade á hora da nosa promoción turística, como o demostra que teñamos dúas bandeiras azuis e dous diplomas bandeira azul para o barco museo e máis para a aula de educación ambiental Gaia, nesta liña vamos continuar”.

José María González Barcia considera que “seguramente que este ano arrancar a campaña vai custar traballo, pero tamén estou completamente seguro de que, exactamente igual que a campaña bandeira azul hai 15 ou 20 anos era unha auténtica descoñecida en gran parte e hoxe en día ninguén prescinde de ningunha bandeira azul, absolutamente ninguén, do que hoxe estamos a falar, da campaña Llave verde, seguramente que dentro de 5 ou 6 anos os establecementos hoteleiros, e espero e confío que os de Burela aposten por ela, van ter unha decisión tomada, que é a de usar criterios de sostibilidade medioambiental e económica para manter os establecementos abertos”.

Exit mobile version