Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa da Cultura acolle unha exposición cos traballos realizados nos obradoiros de Mulleres de San Ciprián

exposicion_mulleresCervo, 23 de xullo de 2013-Mobles restaurados, cadros, bordados e outros obxectos elaborados polas membros da asociación Mulleres de San Ciprián é o que se pode ver na exposición inaugurada na Casa da Cultura e que permanecerá aberta ata o 30 de xullo en horario de 17:00 a 20:00 horas. Trátase de artigos feitos a man nos múltiples obradoiros organizados por esta asociación, que ao longo deste curso ofreceron clases de pintura, restauración de mobles e manualidades.

Ao mesmo tempo, a entidade tamén impartiu talleres de arranxos florais, clases de informática coa colaboración da Asociación de Veciños Cruz da Venta, de ximnasia, charlas sobre saúde, xornadas de teatro, puxo en marcha actividades incluídas no programa do Día Internacional da Muller e organizou varias viaxes e excursións, sen esquecer o evento de Lembrando tempos no río, no que as socias reviviron a tradición de ir lavar a roupa ao río Covo. Unhas actividades que tamén teñen a súa pegada na mostra a través de fotografías proxectadas nun televisor e que se amosan en carrusel.

A exposición foi inaugurada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a presidenta da entidade, Amparo Pernas, e por multitude de socias de Mulleres de San Ciprián e “é unha mostra moi representativa das moitas iniciativas que pon en marcha esta asociación e que animan ás preto de 200 asociadas a manterse activas” explica o rexedor, quen destaca tamén a “súa constante disposición para organizar actividades conxuntas”.

O mandatario cervense resaltou ademais “a excelente calidade dos traballos realizados polas socias, que demostran a efectividade e utilidade dos obradoiros ao que hai que sumar tamén a súa vertente de entretemento”.

Exit mobile version