Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG alerta de que “a asistencia sanitaria xa non é universal”

Por se a alguén lle quedaban dúbidas despois da publicación do Real Decreto 1192/2012 (polo que se regula a condición de asegurado/a e de beneficiario/a a efectos de asistencia sanitaria) publícase este luns 29 de xullo no BOE outro Real Decreto, o RD 576/2013, que modifica o anterior, e no que se establecen os requisitos básicos do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria a persoas que non posúan a condición de aseguradas nin de beneficiarias do SNS, segundo as características que foron no seu día estipuladas, eliminando, na práctica, a posibilidade de asistencia sanitaria a colectivos como inmigrantes ou maiores de 26 anos que non teñan cotizado nunca e non figuren como beneficiarios/as dalgunha persoa asegurada, non sendo que as persoas nestas situacións paguen unha contraprestación económica no momento de acceder á asistencia.

A publicación deste novo Real Decreto ven confirmar a eliminación da característica de universalidade da asistencia sanitaria, e, de feito, establécese nel que estas persoas que non posúan a condición de aseguradas ou beneficiarias, non disporán de cartón sanitario, como xa se recolle no propio preámbulo do Real Decreto publicado hoxe. Poderán, segundo se regula nesta norma, acceder ás prestacións da carteira común básica regulada no RD-L 16/2012 mediante a sinatura dun convenio especial individual que esixe o cumprimento dunha serie de requisitos e que suporá o pago dunha cantidade mensual en función da idade: se a persoa suscriptora tén menos de 65 anos a cota mensual será de 60 euros, se tén 65 o máis anos, entón deberá pagar 157 euros mensuais. Aí está a gratuidade e a universalidade que propugna o PP para a Sanidade Pública.

Implica tamén este Real Decreto, unha vez máis (e xa son moitas, nos últimos anos), a deixadez de funcións máis absoluta por parte de quen ostenta as competencias totais en Sanidade na Galiza. O goberno da Xunta, o señor Núñez Feijóo, a Conselleira de Sanidade… fan unha absoluto exercicio de desidia, repousando en mans do Ministerio competencias que son exclusivas da Galiza. Tamén isto dá conta de que, tal e como ven propugnando a CIG, precisamos da soberanía para exercermos os nosos dereitos.

Desde CIG-Saúde esiximos, como o vimos facendo, unha Sanidade PÚBLICA, UNIVERSAL e GRATUÍTA, sen discriminacións, sen contraprestacións, sen copagamentos, sen recortes para lucro e beneficio de empresas amigas.

Exit mobile version