Site icon Crónica3.com A Mariña

A comisión de festas da Virxe do Carme de San Cibrao agradece a colaboración de veciños e entidades

A comisión que este ano organizou os festexos patronais de San Cibrao na honra da Virxe do Carme, presidida por José Ramón Soto, con Pilar Armada como tesoureira e Dolores García como secretaria, quere facer público o seu agradecemento a todas as persoas e colectivos que “apoiaron e contribuíron dalgunha forma nestas festas”, tal e como manifesta o presidente. En concreto, Soto e toda a directiva queren dar as grazas aos veciños e veciñas “pola súa participación e boa acollida dos actos festivos, que preparamos en moi pouco tempo e con moita ilusión” así como tamén polas súas aportacións, tanto económicas como de axuda en diversas actividades como é o caso da confección da alfombra floral.

Ao mesmo tempo, a comisión tamén transmite os seus agradecementos a todas as empresas e comercios da zona que se anunciaron na revista das festas, “unhas achegas moi importantes que nos axudaron en moi boa medida a sufragar os gastos dos festexos” ao igual que o Concello, “que tamén colaborou activamente” así como á brigada de obras municipal.

Ademais, Soto quixo destacar tamén a colaboración de entidades e grupos que, de forma desinteresada, ofreceron espectáculos dentro do programa “co único obxectivo de contribuír nas festas”, como é o caso das corais Terramar, a Coral Polifónica de Viveiro, Coro Villa de Navia, o grupo Canere Son e as agrupacións de Teatro Ardora e O Bordelo, así como aos Aventados e ao seu presidente, Pablo Mosquera.

Unhas festas que polo tanto “saíron adiante coa unión dos esforzos de moitas persoas e colectivos, uns apoios que sempre son de agradecer e que enriquecen calquera iniciativa” remata Soto.

Exit mobile version