Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión focega en defensa da sanidade pública celebra o seu undécimo aniversario nunha asemblea aberta

A Comisión en defensa da sanidade pública de Foz celebra este sábado o undécimo aniversario do seu nacemento no ano 2002 nunha asemblea aberta celebrada na Casa da Cultura.

Coincide esta data coa celebración da concentración número 90 das que teñen lugar todos os primeiros sábados de mes na Avenida da Mariña en demanda das urxencias e contra os recortes na sanidade pública.

Insistimos en suliñar o importante que foi a participación do pobo de Foz nas distintas mobilizacións celebradas desde o ano 1991 para conseguir os novos servizos e instalacións das que dispoñemos hoxe.

A política de recortes e privatización da sanidade do actual goberno da Xunta fai máis necesaria que nunca a participación cidadá para defender uns servizos públicos financiados cos nosos impostos e que tanto costou conseguir. Neste sentido, queremos expresar a nosa solidariedade coa loita dos veciños de Cervo para manter os catro médicos que teñen no seu concello, e a todos os veciños da Mariña para defender unha Área Sanitaria autónoma para a nosa comarca que preserve e mellore os servizos do noso hospital comarcal.

Finalmente convidamos aos veciños e veciñas de Foz e visitantes a asistir á concentración-aniversario que terá lugar este sábado, día 6 de xullo, ás doce da mañá na Avenida da Mariña.

Exit mobile version