Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión Veciñal en Defensa da Sanidade en Cervo cre que a Conselleira “falta á verdade ó asegurar que non se lle solicitou formalmente unha reunión”

CERVO, 13 DE XULLO. Os membros da Comisión Veciñal en Defensa da Sanidade en Cervo non dan crédito á actitude da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, “unha de dúas ou minte ou non se entera absolutamente de nada do que sucede na súa Consellería”.

Non poden crer que tras recibir esta semana a dúas asociacións do noso concello asegure que “foron os únicos que solicitaron formalmente unha reunión para tratar de aclarar a reorganización do cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde no municipio”. Señora Mosquera, lembrámoslle que dende esta Comisión, formada por 21 asociacións, rexistramos a día 28 de xuño no multiusos da Xunta en Lugo unha solicitude na que lle pedíamos que consentise en manter unha reunión a fin de explicarlle as nosas preocupacións e demandas”.

Precisamente por isto, “ou sabe que está mentindo ou é que realmente non se entera. Iso sí, a súa maneira de actuar pon de manifesto quen está a facer realmente un uso partidista deste asunto e quen está detrás deste desprezo ó resto dos veciños que sí presentamos en tempo e forma esa solicitude”.

Os membros da Comisión cren que “o Partido Popular de Cervo é cómplice e responsable de toda esta maniobra, alguén tivo que intermediar para que estes dous colectivos foran recibidos na Consellería de Sanidade. É vergoñento que aqueles que nos acusaron de politizar este asunto estén facendo un uso partidista do mesmo co único fin de sacar a foto e xustificar os recortes plantexados polos seus compañeiros do goberno autonómico”.

Neste senso, subliñan que “o equipo de goberno de Cervo nos decepciona xa que non cumpliu a súa promesa de intermediar para que nós tamén fosemos recibidos pola Conselleira de Sanidade e tampouco cumpriu o acordo plenario de instar con urxencia á Xunta de Galicia para manter o cadro de persoal que tiñamos”.

Ademais de facer esta diferencia entre uns veciños e outros, están manipulando as cifras ó seu gusto pois, “están dando cita cada dous minutos, retrasando as recetas e deixando que algúns pacientes citados para as últimas horas volvan para as súas casas sin ser atendidos porque o médico remata a súa xornada laboral e non lle deu tempo a atender a tódolos veciños citados. Recordámoslle á señora Conselleira que no 2009 cando se creou a cuarta plaza de médico non foi un capricho senón que se incorporaron 900 cartillas do Concello de Burela. Non sabemos qué seguemento están a facer pero do que sí estamos convencidos é de que están a xogar sempre coas cifras ó seu favor para xustificar que cos tres facultativos que temos está cuberto o servizo”.

Exit mobile version