Trátase dunha actividade indicada para cativos de entre 11 e 15 anos e que se desenvolverá durante toda a semana nas instalacións do Obradoiro de Cestería, situado na zona do río Rato. Durante 5 días os pequenos levarán a cabo todo o proceso de elaboración do feltro, dende o lavado, tinguido e cardado do material ata conseguir, cadanseu propio pano de feltro.
A Deputación pretende con estes obradoiros achegar a artesanía ós máis pequenos dunha forma divertida, con actividades indicadas segundo os grupos de idade e desfrutando ao tempo do aire libre. A iniciativa serve tamén, para axudar a nais e pais a conciliar a sua vida laboral e familiar no tempo das vacacións escolares dos cativos.
Máis actividades
A Deputación organiza tamén para os rapaces no tempo de verán actividades no Centro de Interpretación Terras do Miño. O martes 9 e o mércores 10 celébrase alí un obradoiro titulado “Os moradores do vento, as aves do noso contorno”. Trátase dunha actividade dirixida a rapaces de entre 10 e 18 anos en horario de 11 da mañá a 2 da tarde. Nela, os participantes tomarán contacto coa ornitoloxía dun xeito ameno e participativo. O obradoiro comprende actividades como o recoñecemento de aves polo seu canto, voo ou costumes de alimentación, pero ademáis os rapaces colocarán caixas nido e comedeiros no contorno do río Rato. Aínda quedan prazas libres que se completarán ata chegar ó cupo de 25. Os interesados poden achegarse ata o Centro de Interpretación Terras do Miño, nas inmediacións do río Rato.