Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba 650.000 euros de subvencións para garantir o Servizo de Axuda no Fogar

rIMG_2079Lugo, 12 de xullo de 2013. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar a concesión de axudas económicas aos concellos da provincia para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico, ao que esta institución dedica 650.000 euros, un 27 por cento máis que en 2011.

O vicepresidente da Deputación e delegado das áreas de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, explicou, en rolda de prensa, que estas subvencións, correspondentes á anualidade de 2013, concedéronse en base a criterios obxectivos e nunha mesa técnica formada por representantes dos tres grupos políticos con presenza no entre provincial.

Máis de 2.400 lucenses, de 66 concellos, é dicir de todos os da provincia agás do de Lugo, poderán seguir recibindo atención por parte do Servizo de Axuda no Fogar básico despois de que, un ano máis, a Xunta de Galiza, deixara á marxe do convenio de servizos sociais e comunitarios á provincia de Lugo negándose a negociar a súa cofinanciación con esta Deputación.

Para Antonio Veiga, “o Goberno galego continua excluíndo aos concellos de menos de 20.000 habitantes dos seus plans de financiamento para a prestación de servizos sociais e comunitarios. O Partido Popular é coñecedor da dificultade que para esta Deputación supón afrontar en solitario os gastos do Servizo de Axuda no Fogar; o que está buscando, e que desde a área de Benestar Social trataremos de evitar por todos os medios, é que o custe do servizo recaia nos usuarios e usuarias”.

“As cifras -continuou o vicepresidente do ente provincial -están a demostrar quen está co pobo, quen está comprometido con que a situación de crise económica e os recortes non afecten aos máis desfavorecidos e quen está disposto a dinamitar os dereitos da poboación, en especial dos veciños e veciñas do medio rural galego. Un ano máis a inversión do Goberno galego no Servizo de Axuda no Fogar básico será de cero euros, mentres a da Vicepresidencia da Deputación lucense ascende a 650.000 euros”.

Exit mobile version