Site icon Crónica3.com A Mariña

O Plan de Comunidades Veciñais 2013 da Deputación conta con 2 millóns para melloras nas dotacións públicas do rural

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial aprobou este luns o Plan de Comunidades Veciñais para 2013, dotado de 2 millóns de euros financiados na súa totalidade pola Deputación, para case 250 obras nos 67 Concellos lugueses, “sen facer discriminacións por cor política”. Hoxe mesmo, a institución publicou na súa web www.deputacionlugo.org a listaxe de axudas que, nos vindeiros días, tamén a recollerá o Boletín Oficial da Provincia.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que son subvencións para traballos que xa poden están iniciados ou rematados, tal e como dictan as bases, para os que as asociacións veciñais solicitaron axudas no prazo legal establecido. Estas subvencións ascenden ata os 12.000 euros. O seu obxectivo é mellorar as dotacións públicas no rural, reivindicando a vida no campo e aforrando cartos ós Concellos, tendo en conta que a Deputación asume todos os custes destas actuacións de carácter municipal.

Este Plan financiará, concretamente, 243 obras, das que case o 40% consisten no acondicionamento de vías e accesos rurais; preto do 20%, en melloras de locais socias; un 15%, no arranxo de traídas e captacións de agua; mentres que un 10% son dotacións de espazos verdes.

Aboadas o 97%
A sesión aprobou a conta xustificativa dunha obra do Plan de Comunidades Veciñais para 2012, executada na parroquia de Villalpape, no Concello de Bóveda, consistente no arranxo dun camiño municipal, e dotada de 7.400 euros, financiados ó 100% pola Deputación. Martínez adiantou que “é unha das derradeiras obras da programación do 2012, xa que temos aboadas o 97% das 230 axudas concedidas o ano pasado, mentres estamos á espera da documentación xustificativa destes traballos por parte de 12 colectivos veciñais para poder liquidalo. A nosa xestión dista moita da do PP, que deixou sen pagar subvencións do 2004, que resolveu este Goberno Provincial”.

Exit mobile version